Pestanas principais

A Escola Integral de Maiores do Milladoiro inaugura un novo curso

Sábado, 01 de outubro de 2011

[01-10-2011] A Escola Integral de Maiores inaugurou esta semana o curso 2011/2012 no Milladoiro. Os/as alumnos/as da escola reencontráronse cos seus antigos/as compañeiros/as e con algúns outros novos que comezan este ano. Ames Radio tamén lle fixo unha visita para comentar as novidades deste curso, as actividades que farán e para recoller as impresións do alumnado. Esta actividade dedicada á formación de persoas da terceira idade, imparte algunhas clases sobre cuestións básicas de informática, fomenta a lectura e a interacción dos seus participantes a través de excursións didácticas. A inauguración da escola de Bertamiráns será o mércores 19 de outubro.


Outro dos profesores, Antonio, comezou hai 4 anos impartindo docencia a nenos dunha forma desinteresada despois dunha xubilación anticipada. Máis adiante empezou a dar clases a maiores, como resultado das conversas que tivo con Dores. Pero tamén hai caras novas entre o alumnado, como o caso de Mercedes. Ela chegou a esta escola porque lle gusta realizar actividades relacionadas con esta escola como é a costura. Na súa infancia case non puido asistir a escola ata que os seus irmáns pequenos o puideron facer, cando ela xa tiña uns 10 anos. Polo tanto, poucos anos puido ir e o que aprendeu, como ela conta "xa me esqueceu". Por iso decidiu comezar esta nova andaina.

Un dato curioso é que se segue mantendo a dinámica dos cursos anteriores. O número de mulleres que participan nas Escolas Integrais de Maiores de Ames é superior ao de homes. O centro do Milladoiro este ano conta cun total de 20 alumnos, onde tan só 2 son homes. No caso de Bertamiráns todas as alumnas son mulleres e a cifra ascende a 19 participantes. Cómpre lembrar que o prazo de matrícula aínda está aberto e que se agarda máis alumnado.

Por noveno ano consecutivo, a Oficina do Voluntariado de Ames pon en marcha a Escola Integral de Maiores, unha iniciativa da Consellería de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado que está dirixida a todas as persoas de certa idade con ganas de aprender. Ademais, as actividades dos centros do Milladoiro e Bertamiráns supoñen un xeito de distracción e interacción para os maiores de Ames.

O coordinador da Oficina de Voluntariado de Ames (OVA), Rubén Ramos, convida a todos/as interesados/as a que participen xa que a escola manterá aberto o prazo de inscrición ata o mes de decembro. Para inscribirse os/as interesados/as deberán achegarse á OVA (Oficina de Voluntariado de Ames), en Bertamiráns, ou chamar ao número 981 883 703.


Este ano, como no pasado, a Escola Integral de Maiores contará con dous profesores no Milladoiro, Antonio Rodríguez e Dores Somoza. En Bertamiráns seguirán contando coa presenza da profesora Antonia Figueiras e, no caso de existir unha gran demanda de alumnos, contaríase con outro docente. Cómpre salientar que os profesores das escolas de maiores de Ames son persoas voluntarias. En canto aos horarios seguirán sendo os mesmos do curso anterior, das 16:30 h. ás 19:00 horas, os mércores e venres no Milladoiro e os mércores e xoves en Bertamiráns. A primeira quenda, para aqueles alumnos de nova incorporación, será das 16.30 h. ás 17:30 horas, mentres que para o alumnado que xa está máis avanzado establece a quenda que vai de 17:30 a 19:00 horas.

As clases seguirán xirando ao redor da informática (sobre todo no Milladoiro), ese mundo descoñecido para moitas persoas maiores e que cada vez logra ter máis adeptos. Tamén se continúa impartindo a sección de lectura, a hora das matemáticas e as visitas en grupo a diferentes puntos da xeografía galega. Como novidade, quérese realizar unha visita quincenal a Ames Radio, na cal se faría un pequeno debate sobre un tema tratado durante a semana nas clases. Outra actividade proposta sería a de facer unha saída a mediados de curso para realizar algunha visita cultural.

Este mércores, 28 de setembro, tivo lugar o acto inaugural ao que acudiron tanto alumnos/as e profesores/as como o coordinador da Oficina de Voluntariado de Ames (OVA), Rubén Ramos. Ames Radio tamén estivo neste inicio do curso, falando con todos os asistentes e recollendo as vivencias que se produciron ao longo de moitos anos. Dores, unha das profesoras xubilada docente, foi a iniciadora destes cursos fai xa once anos, indo polos domicilios para darlles clases aos primeiros alumnos que quixeron iniciar esta andaina. Un deles foi Harry, un rapaz colombiano, que leva na escola desde os seus comezos.