Pestanas principais

A Escola Integral de Maiores de Bertamiráns inaugurou un novo curso no que as clases de informática serán a principal novidade

Xoves, 20 de outubro de 2011

[20-10-2011] Hai 15 días que comezaron as clases na escola integral de maiores de Milladoiro, e agora tócalle a Bertamiráns. Hoxe ás 16.30 foi a presentación na Casa da Cultura de Bertamiráns do novo curso da Escola Integral de Maiores ao que acudiron alumnos/as, profesores/as, o coordinador da Oficina de Voluntariado de Ames (OVA), Rubén Ramos e o concelleiro de Voluntariado, Manuel Ferreiro. As clases en Bertamiráns serán das 16.30 horas ás 19.00 os mércores e os xoves. A primeira quenda, para aqueles alumnos de nova incorporación, será de 16.30 horas ás 17.30 horas, mentres que para o alumnado que xa está máis avanzado a quenda que vai de 17.30 a 19.00.

Malia que entre a escola de Milladoiro e a de Bertamiráns a maioría son similitudes, tamén hai diferenzas. En Milladoiro a maioría das persoas que asisten viven no propio núcleo urbano, mentres que en Bertamiráns son moitos os que se achegan dende o rural polo que o Concello de Ames lles facilita a asistencia a esta actividade ofrecendo o servizo de transporte adaptado. Tanto en Milladoiro coma en Bertamiráns os maiores aprenden materias coma matemáticas, xeografía, historia, escitura, gramática, ou lectura comprensiva; pero ata este ano soamente aqueles que asistían a Milladoiro podía asistir tamén a clases de informática. Debido a que o Concello de Ames abrirá unha aula de informática en Bertamiráns o vindeiro mes, os alumnos da Escola de Maiores tamén terán xornadas de iniciación á informática a partir do mes de xaneiro.

A nova aula de informática

O Concello de Ames pon en marcha a partir do mes que ven unha aula CEMIT en Bertamiráns, trátase dunha aula de informática que xestionará un axente TIC. É unha aula libre que estará na Casa da Cultura de Bertamiráns e na que tamén se impartirán cursos e diversas xornadas formativas relacionadas con ese ámbito. A aula comezará as actividades o vindeiro mes e abrirá en horario de 9.30 a 11.30 polas mañáns, e de 16.30 a 20.30 pola tarde.

A historia da Escola Integral de Maiores: os profesores e alumnos

Dores, unha das profesoras xubilada docente, foi a iniciadora destes cursos fai xa once anos, indo polos domicilios para darlles clases aos primeiros alumnos que quixeron iniciar esta andaina. Un deles foi Harry, un rapaz colombiano, que leva na escola desde os seus comezos. Outro dos profesores, Antonio, comezou hai 4 anos impartindo docencia a nenos dunha forma desinteresada despois dunha xubilación anticipada. Máis adiante empezou a dar clases a maiores, como resultado das conversas que tivo con Dores. Pero tamén hai caras novas entre o alumnado, como o caso de Mercedes. Ela chegou a esta escola porque lle gusta realizar actividades relacionadas con esta escola como é a costura. Na súa infancia case non puido asistir a escola ata que os seus irmáns pequenos o puideron facer, cando ela xa tiña uns 10 anos. Polo tanto, poucos anos puido ir e o que aprendeu, como ela conta "xa me esqueceu". Por iso decidiu comezar esta nova andaina.

Un dato curioso é que se segue mantendo a dinámica dos cursos anteriores. O número de mulleres que participan nas Escolas Integrais de Maiores de Ames é superior ao de homes. O centro do Milladoiro este ano conta cun total de 20 alumnos, onde tan só 2 son homes. No caso de Bertamiráns todas as alumnas son mulleres e a cifra ascende a 19 participantes. Cómpre lembrar que o prazo de matrícula aínda está aberto e que se agarda máis alumnado.

Por noveno ano consecutivo, a Oficina do Voluntariado de Ames pon en marcha a Escola Integral de Maiores, unha iniciativa da Consellería de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado que está dirixida a todas as persoas de certa idade con ganas de aprender. Ademais, as actividades dos centros do Milladoiro e Bertamiráns supoñen un xeito de distracción e interacción para os maiores de Ames.

O coordinador da Oficina de Voluntariado de Ames (OVA), Rubén Ramos, convida a todos/as interesados/as a que participen xa que a escola manterá aberto o prazo de inscrición ata o mes de decembro. Para inscribirse os/as interesados/as deberán achegarse á OVA (Oficina de Voluntariado de Ames), en Bertamiráns, ou chamar ao número 981 883 703.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Los mayores vuelven de nuevo a la escuela"