[18-03-2011] A música será o tema central arredor do que xirarán as actividades deste mes na Escola Municipal Infantil O Bosque de Bertamiráns. Os nenos e nenas participarán en obradoiros semanais sobre diversos estilos de música. Ademais, pais e nais dos cativos toman parte tamén na iniciativa achegándose á escola a tocar instrumentos. A finais de mes a escola acollerá unha exposición sobre a actividade.
A Escola Municipal Infantil O Bosque de Bertamiráns adica este mes de marzo a amosar aos nenos e nenas do centro o apaixonante mundo da música por medio de varias iniciativas. Cada semana os cativos traballarán un estilo diferente en obradoiros nos que toman parte activa. Nestas actividades trátanse estilos como a música tradicional de Galicia, o pop, a música clásica ou as cancións infantís. Nos obradoiros escóitanse mostras deste tipo de música, aprendendo despois os rapaces algunha canción ou melodía representativa. Tamén se fabrican instrumentos con material de refugallo que estean ligados ao estilo en cuestión. Como exemplo, unhas maracas elaboradas con vasos de plástico cheos de garavanzos e decorados con diversas pinturas e adhesivos de cores vistosos.
A iniciativa deste mes musical require tamén da colaboración de pais e nais. Estes están convidados con tempo para tomar parte activa na iniciativa. A resposta está a ser boa, e algúns están achegándose a escola infantil municipal do Bosque para tocar diversos instrumentos como son o saxo, a guitarra, a pandeireta, a gaita, o teclado ou o pandeiro.
Moitos pais e nais apuntáronse con ganas de ir tocarlle algunhas pezas aos fillos, demostrando unha boa disposición a participar nesta iniciativa, mais para algúns deles foi bastante dificultoso acudir debido a que foi imposible adaptar o seu horario laboral ao da escola infantil ou establecer outro tipo de horario que lles permitise participar, polo que, non houbo dificultades para atopar pais e nais que tocasen algún tipo de instrumento dispostos a acudir ao chamamento das mestras, pero si para poder garantir a súa asistencia.
A pesares destes problemas, finalmente atopáronse a un bo grupo de instrumentistas que fixeron as delicias dos cativos que ademais de gozar da música, ficaron abraiados ao ver aos seus proxenitores fabricando música, polo que, segundo nos indican dende a escola, permaneceron moi quietos, calados e atentos ás interpretacións paternas e maternas.
Abraiados tamén quedaron os pais e nais que participaron ao ver aos seus cativos e cativas tan tranquilos e ben centrados en escoitar as pezas. Poderiamos dicir que, de primeira man, comprobaron a veracidade da afirmación "a música amansa ás feras". E non é por chamarlles feras aos rapaces e rapazas do Bosque, pero como pequechos que son, e como todos cando fomos pequechos, algo inquedos e hiperactivos si que son: !Cativos/as si, pero revoltosos/as coma ninguén! Os pais e nais, ao rematar estas actuacións, daráselles un diploma que os acredita coma mellores intérpretes e levan para casa unha foto da actuación.
Este mércores acudiu ao centro de educación infantil unha parella. Ela cantou cancións infantís -o xénero ao que se lle adicaba esta semana- e o pai puxo as súas mans ás ordes do teclado co que aportou o fondo musical das cancións.
Na vindeira semana o xénero musical escollido será a música tradicional galega, polo que un grupo de pais/nais acudirá ao centro e interpretará diversas pezas armados cunha gaita, unha guitarra, unha pandeireta e un bombo. Para a seguinte, a protagonista será a música pop, polo que acudirán ao centro infantil dous intérpretes de guitarra e gaita que tocarán varias melodías coas que mostrarán aos cativos e cativas o que é a música pop.
A finais de mes exporanse na propia escola fotos das actuacións e os instrumentos elaborados polos nenos e nenas e as profesoras. Con esta iniciativa os cativos de Bertamiráns aprenderán a apreciar a música e a coñecer de primeira man a súa profunda e rica diversidade de estilos. Todo, como non podía ser doutro xeito sendo nenos e nenas, da forma máis lúdica e divertida posíbel.
Así pois, aos cativos e cativas do Bosque aínda lles quedan un par de semanas coas que gozar da música coas persoas que máis queren e que máis os queren: os seus pais e nais.