Pestanas principais

A escola infantil municipal O Bosque despide o curso cun festival

Sábado, 16 de xuño de 2012

[16-06-2012] O alumnado da escola infantil municipal O Bosque, de Bertamiráns, despediu o curso cun festival onde realizaron unha representación musical. Arredor de 60 nenos/as de 2 a 3 anos, que deixan a escola infantil de cara ao vindeiro curso, recibiron o seu diploma e diversos agasallos. A Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu este festival no que tamén participaron pais/nais e as profesoras da escola infantil. En representación do goberno municipal asistiron o concelleiro de Educación, Bernardo Moar, e o concelleiro Deportes e Tempo Libre, Manuel Ferreiro. Tamén asistiu a concelleira do grupo municipal socialista, Isabel González.


Os nenos e nenas de 2 a 3 anos remataron a súa andaina na escola infantil municipal O Bosque e para o próximo curso terán que comezar os seus estudos nos colexios de segundo ciclo de infantil. Para despedilos como se merecen este venres pola tarde organizouse un festival na Casa da Cultura de Bertamiráns no que tamén participaron os pais e nais do alumnado, as profesoras e o persoal da escola infantil O Bosque.

O festival de despedida de curso comezou cunha actuación musical por parte dos 60 nenos que rematan a súa estadía nesta escola. A continuación realizouse a tradicional entrega dos diplomas, que acreditan que os cativos/as de entre 2 e 3 anos, xa remataron os seus estudos neste centro educativo.

Finalmente, o acto rematou coa proxección dun vídeo sorpresa. O persoal deste centro de ensino, como ven facendo nos últimos festivais, preparou para todos os asistentes a proxección dun vídeo resumo no que se recollían os cambios que experimentaron os nenos e nenas dende a súa chegada á escola (algúns aos 3 meses) ata a actualidade. Os pais e nais poderán facer unha copia deste vídeo para que lles quede de recordo do paso dos seus fillos/as pola escola infantil municipal O Bosque.