- Tematica
Coincidindo coa celebración do Día da Música, a Escola infantil municipal O Bosque converteu novembro no mes máis musical do ano con diversas actividades. Desta volta, os pequenos e pequenas da escola escoitaron cancións de distintos xéneros, contos cantados, fixeron manualidades e asistiron a actuacións musicais de parte dos seus familiares e profesores.
Durante o pasado novembro, as crianzas da Escola infantil municipal O Bosque desfrutaron dun mes cheo de actividades musicais. Unha delas foi escoitar diversos estilos musicais, saíndo da tradicional música infantil: pop, rock, clásica... ademais de escoitar a emisora municipal, Ames Radio (107.2 FM). Desta maneira, buscase o interese e o gusto pola música dos máis pequenos.
Ademais, desde a escola invitaron ás familias dos nenos e nenas a achegarse para desfrutar destes ratos musicais cos máis pequenos. Así mesmo, animaron a aqueles que tocasen algún instrumento ou cantase a participar nas actividades ofrecendo pequenos concertos. Varias familias decidiron participar, algunhas incluso cos grupos musicais dos que forman parte.
Desde a escola valoran moi positivamente a experiencia, asegurando que “aínda que ao principio os nenos estaban un pouco retraídos, ao final bailaron, tocaron instrumentos e pasárono fenomenal”.