Pestanas principais

A Escola infantil municipal O Bosque celebra o mes das profesións cunha visita dos bombeiros

Martes, 14 de abril de 2015

[14-04-2015] Aínda non teñen idade para traballar, pero aos nenos e nenas da escola infantil municipal O Bosque gústalles coñecer moi de preto as diferentes profesións que existen. Durante o mes de abril os alumnos/as desta escola infantil recibiron a visita dos bombeiros do Grupo de Emerxencias Supramunicipal de Brión. Esta actividade forma parte do extenso programa formativo e de actividades para a infancia que desenvolve a Escola Infantil Municipal O Bosque.

Tal e como consta na programación do terceiro trimestre da escola infantil municipal O Bosque ao longo do mes de abril están traballando o tema das profesións nas aulas de 2 a 3 anos. Deste xeito, recibiron a visita de varios bombeiros que forman parte do Grupo de Emerxencias Supramunicipal de Brión para explicarlles aos nenos e nenas en que consiste o seu traballo.

Os rapaces e rapazas puideron ver de preto e subirse aos dous camións dos bombeiros. Ademais, encenderon as luces e sireas dos camións, probaron os cascos dos bombeiros e falaron por uns teléfonos especiais que teñen para comunicarse entre eles. Por último, os bomebeiros realizaron unha demostración de como se empregan as mangueiras e explicaronlles ao alumnos/as a súa utilidade e os distintos tipos de mangueiras que existen.