Pestanas principais

A Escola infantil municipal A Madalena celebrou en maio o mes dos oficios

Martes, 27 de maio de 2014

[27-05-2014] Aínda non teñen idade para traballar, pero aos nenos e nenas da escola infantil municipal A Madalena gústalles coñecer moi de preto os diferentes oficios. Durante o mes de maio os alumnos/as desta escola infantil recibiron a visita dunha perruqueira, un enfermeiro, unha pasteleira, un árbitro de fútbol, e dun bombeiro que se achegou ata a escola acompañado do Grupo de Emerxencias Supramunicipal de Brión. Todos eran pais ou nais dos alumnos/as e todos levaron as ferramentas á escola e explicáronlles aos cativos e cativas como desenvolven o seu traballo.


Sesión de contacontos
Por outra banda, un grupo de 60 nenos e nenas de 2-3 anos da escola infantil A Madalena, participaron nunha sesión de contacontos na galería Sargadelos, que estivo organizada polo Concello de Santiago en colaboración coa editorial Kalandraka. Os cativos/as foron en autobús ata Santiago de Compostela, onde deron un paseo pola zona vella e a continuación asistiron a este espectáculo. Os alumnos/as da Madalena escoitaron os Contos de Mamá (un conto dedicado a todas as mamás do mundo e que lles ensinou que hai moitas mamás diferentes). Tamén escoitaron o conto O bufo que non podía durmir e Violín.

Unha perruqueira pintoulles as uñas e fíxolles mechóns de diferentes cores. Un enfermeiro ensinoulles a todos os nenos e nenas o material co que traballa (xeringuillas fonendoscopio, etc). Os alumnos e alumnas desta escola tamén aprenderon a facer madalenas cunha pasteleira. Ademais, recibiron a visita dun árbitro de fútbol e dunha nai que fai etiquetas para a roupa.

Pero a visita que máis emoción causou nos nenos e nenas foi a do pai de María que se achegou ata a escola acompañado dos seus compañeiros do Grupo de Emerxencias Supramunicipal de Brión. Os cativos/as puideron ver os dous camións que trouxeron, subir neles, coller as mangueiras, escoitar as sirenas dos camións, e incluso lles deixaron abrir a auga para ver a forza coa que sae polas mangueiras.

Debido a que o día 1 de maio se celebra o día do traballo, os nenos e nenas da Escola infantil municipal A Madalena traballaron ao longo de todo este mes sobre o tema dos oficios e das profesións dos seus pais e nais. Para desenvolver esta actividade contouse, como todos os anos, coa colaboración de moitos pais e nais.

Durante este mes profesionais de diferentes sectores achegáronse ata esta escola do Milladoiro para mostrarlles aos cativos e cativas algunhas das tarefas que desenvolven diariamente. Pero, en realidade, os protagonistas foron os pequenos e pequenas, que puideron xogar a traballar nos diferentes oficios.