[05-12-2016] No mes de novembro, aproveitando a celebración de Santa Cecilia, patroa da música, visitaron a Escola Infantil A Madalena músicos profesionais e familiares de alumnos/as, que teñen a música como afección e que tocan algún instrumento. Cómpre salientar a presenza de catro xeracións da familia de Jorge Rodeiro que interpretaron música tradicional galega e a visita do concelleiro de Cultura, David Santomil, membro do grupo Aspergillus, que acudiu á Escola acompañado da súa muller e do seu fillo que tocan o violín. O mes da música neste centro de educación infantil concluíu cun gran concerto rock no que soou a música de ACDC. A rapazada vestiuse para a ocasión con chupas de coiro e saias de tul.
O mes da música na Escola Infantil de A Madalena rematou cunha gran festa rock. Un concerto televisado do grupo ACDC serviu para que os nenos e as nenas gozaran do baile e se disfrazaran de roqueiros con chupas de coiro, panos no pescozo e saias de tul.
“A música é unha parte fundamental do día a día na educación infantil así que aínda que este mes lle quixemos facer unha celebración especial, todos os días se canta e soa na escola todo tipo de música”, declara Xandra Dios, directora da Escola Infantil de A Madalena. Estes días, as profesoras e os alumnos e alumnas de A Madalena seguen escoitando música, cantando e preparando actuacións. A cita agora e co festival de Nadal que se celebrará o vindeiro 15 de decembro na Casa da Cultura do Milladoiro e no que, por suposto, as actuacións musicais terán unha gran importancia.
O mes da Música levou á Escola de A Madalena a compoñentes de distintos grupos que na actualidade forman parte do elenco de artistas que crean e traballan en Galicia. José, dos grupo Astarot e Desequilibrio Mental, e Arturo de Medomedá tocaron a guitarra e a batería e interpretaron cancións tan coñecidas polos nenos e as nenas como A Formiguiña de María Fumasa. Tamén se achegou á Escola para colaborar no mes da música, o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, acompañado de Alicia, a súa muller, compoñente do desaparecido grupo Diadra e OC29, que tocou o violín e do seu fillo que lles ensinou aos nenos e as nenas a técnica do pizzicato.
Pero ademais destas visitas, as familias tamén quixeron participar aportando o seu gran de area. Así, o pai de Mario ensinou á rapazada como soa unha guitarra, unha frauta, un teclado e un xilófono. Entre as visitas máis emotivas, compre destacar a das catro xeración da familia de Pedro Rodeiro que acudiu á Escola Infantil a tocar e cantar música tradicional galega, de xeito que os nenos e as nenas tiveron a ocasión de familiarizarse e distinguir instrumentos como a pandeireta, o pandeiro e a pandeira.
Todas as visitas serviron para que os nenos e as nenas da Escola Infantil de A Madalena coñeceran diversos instrumentos, puideran tocalos, manipulalos e afacerse aos seus sons. Ademais se fixeron audicións de distintos tipos de música, desde o pop e o rock ate a música tradicional, a música clásica e a músicas orixinarias doutros países e doutras culturas.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "Mes de la música en las escuelas infantiles de Ames"