Pestanas principais

A Escola Galega de Consumo impartiu un obradoiro sobre "Consumo Responsable" en catro centros de ensino de Ames no que participaron máis de 200 alumnos/as de sexto de primaria

Mércores, 13 de decembro de 2017

[13-12-2017] Esta mañá a concelleira de Promoción Económica, Isabel González, e o técnico municipal de dita concellaría, Jorge Couñago, achegáronse ata o CEIP de Barouta e o CEP de Ventín, para asistir aos obradoiros sobre consumo responsable que impartiron técnicos/as da Escola Galega de Consumo en catro centros educativos de Ames. Trátase dunha actividade de información e formación sobre consumo e compras na época do Nadal, que se desenvolveu hoxe entre as 9:30 e as 14:00 horas nos CEIP de A Maía, Barouta e Agro do Muíño, así como no CEP de Ventín.

Contidos e finalidade do obradoiro
O obradoiro impartido consistiu nunha charla audiovisual que se baseou nun suposto sobre o que se seleccionaron os agasallos que se queren para Nadal. A partir de aí analizouse criticamente o por que desas eleccións, invitando ao alumnado a reflexionar sobre a influenza da publicidade nos nosos desexos e decisións. Ademais, deuse a coñecer o etiquetado dos xoguetes e dos videoxogos (código Pegi), ademais de facer fincapé nos produtos tecnolóxicos e nas marcas. Finalmente, rematouse cunha exemplificación de diferentes alternativas aos agasallos convencionais e un debate en gran grupo.

Os contidos tratados foron a influenza da publicidade e do contorno na elección de agasallos. Tamén se traballou sobre a linguaxe publicitaria; como inflúe na elección dos produtos; as características do produto: seguridade, etiquetado, relación publicidade-realidade, relación calidade-prezo, durabilidade e utilidade; e as alternativas de agasallos non materiais. A finalidade desta actividade foi ser consciente de como inflúe a publicidade sobre as elección dos agasallos e coñecer o etiquetado e a súa importancia fronte á publicidade; coñecer as características reais dos produtos para facer unha boa elección.

A concelleira de Promoción Económica, Isabel González, quere “agradecer aos colexios o bo acollemento desta actividade e as facilidades que nos deron para poder levar a cabo este obradoiro nestes catro centros de ensino. Tamén teño que dar as grazas á Escola Galega de Consumo por impartir estes obradoiros en Ames coa finalidade de facer reflexionar ao noso alumnado sobre os nosos hábitos de consumo, a influencia da publicidade, as características dos produtos que mercamos, así como presentar alternativas de agasallos e fomentar o consumo responsable de cara a época de Nadal”.


A Concellaría de Promoción Económica, en colaboración coa Escola Galega de Consumo, organizou ao longo desta mañá unha actividade de información e formación sobre o consumo e as compras nesta época na que se produce un considerable aumento dos mesmos. A través deste obradoiro os/as técnicos/as da Escola Galega de Consumo reflexionaron xunto co alumnado acerca dos nosos hábitos de consumo, a influencia da publicidade, as características dos produtos que mercamos, así como presentar alternativas de agasallos e fomentar o consumo responsable.

Cada ano durante o período do Nadal aumenta o nivel de consumo que vén derivado das características sociais da propia época, como son as celebracións e a compra de agasallos. Ademais, debemos ter en conta que a maioría destas compras veñen condicionadas pola influencia da publicidade nas persoas consumidoras, tendo como consecuencia o aumento do número de incidencias e reclamacións (devolución de regalos; artigos en mal estado...).

Para atender á necesidade de reflexionar sobre os hábitos de consumo, sobre todo en épocas de importante incremento, é necesario fomentar un consumo responsable e proporcionar a información necesaria para levalo a cabo. O Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC) a través da Escola Galega do Consumo (EGC) desenvolve cada ano o programa InfoNadalConsumo durante as datas previas ao Nadal, e que no presente ano 2017 acada a súa novena edición, na que se pretende reflexionar sobre as seguintes cuestións: que queremos?; que mercamos?; que aspectos inflúen na nosa compra?; que alternativas temos?; e que podemos facer cando teñamos un conflito?

Nesta primeira edición participaron 226 alumnos/as de sexto de primaria dos CEIP de A Maía, Barouta e Agro do Muíño, así como no CEP de Ventín. Cada obradoiro tivo unha duración dunha hora e foi impartido por persoal especializado da Escola Galega de Consumo, que se desprazou a cada un destes centros escolares. Esta actividade, que está encadrada dentro da programación de Nadal da Concellaría de Promoción Económica, desenvolveuse nas aulas de cada un dos grupos de sexto de primaria entre entre as 9:30 e as 14:00 horas.