Pestanas principais

A escola E-Motion, en Bertamiráns, organiza este sábado unha actuación de campións mundiais de fit kid

Luns, 07 de novembro de 2022

Este sábado 12 de novembro, ás 17:00 horas, a cancha deportiva situada na praza de Chavián, en Bertamiráns, acollerá, coa colaboración da Xuntanza de Empresarios de Ames e a Concellaría de Promoción Económica de Ames, a actuación dun grupo de rapaces e rapazas barceloneses que levan proclamándose campións de España deste deporte durante once anos consecutivos e campións do mundo nas últimas nove edicións.

O fit kid é unha modalidade de baile que combina danza, ximnasia e acrobacias. Trátase dun deporte que naceu en Europa nos anos 90 para animar á mocidade a realizar exercicios individuais e grupais de maneira divertida. Nel entrelázanse saltos, xiros e equilibrios baixo o ritmo da música, desenvolvendo capacidades físicas como a flexibilidade, a forza, a resistencia, a coordinación, o sentido do ritmo e a expresión corporal.

A escola E-Motion, que ten a súa sede na Travesía Pedregal 1, en Bertamiráns, abriu as súas portas o día 5 de setembro, e é o primeiro centro desta modalidade en Galicia. Co obxectivo de poñer en valor este deporte, o director de E-Motion, Edu López, recoñecido adestrador a nivel nacional e internacional, pon en marcha este evento, que promete non deixar indiferente ao público asistente. Nel reuniranse rapaces e rapazas que foron alumnos de López durante máis de quince anos en Barcelona e que lograron acadar numerosos galardóns.

A actuación organízase, ademais, coa colaboración da Xuntanza de Empresarios de Ames, á que E-Motion está asociada, e do Concello de Ames. A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, destaca “a creación de novas empresas como E-Motion que elixen Ames para abrir os seus centros empresariais. Sempre é positivo que se asenten no noso concello novas empresas e de novos sectores como é o caso de E-Motión, que é a primeira escola de Fit Kid de Galicia, que abriu as súas portas o pasado 5 de setembro en Bertamiráns”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Os campións mundiais de fit kid, o sábado na Maía"

A actuación será na praza de Chavián este sábado 12 de novembro

Multimedia

  • A escola E-Motion, en Bertamiráns, organiza este sábado unha actuación de campións mundiais de fit kid