- Tematica
O pasado 7 de xuño, a localidade de Xinzo de Limia acolleu a 3º Xornada da Liga Galega de Karate, unha proba na que a Escola de Karate Dokkodo conseguiu oito medallas (catro ouros, dúas pratas e dous bronces), situándose entre os sete mellores clubs do medalleiro.
O pasado sábado, 7 de xuño, celebrouse en Xinzo de Limia a terceira xornada da Liga Galega de Karate, un evento que reuniu a uns 600 karatekas de 29 clubs galegos. Nesta ocasión, a Escola de Karate Dokkodo acudiu á cita con nove karatekas e acadou un total de oito metais, conseguindo estar entre os 7 mellores clubs do medalleiro.
O club amesán logrou en total oito metais e cinco quintos postos, competindo tanto en kata como en kumite e con representación en todos os niveis (iniciación e avanzado), consolidando así o traballo que se está a facer dende a escola.
Deste xeito, na categoría de kata, Tiago Blanco conseguiu a medalla de ouro na categoría de Alevín Masculino avanzado. Por outra banda, Jadel Rodríguez acadou a prata en Infantil Masculino Iniciación, mentres que Santiago Ribas tamén conseguiu un segundo posto en Xuvenil Masculino Iniciación. Nesta modalidade, a escola Dokkodo conseguiu dous quintos postos da man de Hugo Torre, na categoría de Alevín Masculino Avanzado, e de Xián Blanco, en Infantil Masculino Avanzado.
En canto á modalidade de kumite, tres karatekas do club amesán conseguiron subir ao máis alto do podio: Xián Blanco, en Infantil Masculino <45kg Avanzado; Martín Carballo, Xuventil Masculino <36 kg Iniciación; e Raúl Rodríguez, en Cadete Masculino <57kg Avanzado. Por outro lado, nesta modalidade a escola Dokkodo tamén conseguiu tres medallas de bronce, Iván Carballo en Infantil Masculino <30kg Iniciación, e Jadel Rodríguez en Infantil Masculino >45kg Avanzado. En canto aos quintos postos, foron un total de tres: Tiago Blanco, en Alevín Masculino <34kg Avanzado; Bruno Varela, na categoría Infantil Masculino >45kg Avanzado; e Santiago Ribas, en Xuvenil Masculino <42kg Avanzado.
Nesta penúltima xornada da Liga Galega, viuse reflectido a evolución e esforzo que están a realizar nesta temporada os deportistas da escola Dokkodo, acadando moi bos resultados e motivando así a continuar coa súa aprendizaxe e formación.
Final da Liga Galega e ‘Karate en Familia’
A temporada de karate poñerá o seu punto final a vindeira fin de semana, na localidade de Soutomaior, coa celebración da Gran Final da Liga Galega de Karate 2024-2025. Nesta cita, a escola Dokkodo intentará continuar coa súa gran estela de resultados para pechar así un ano de éxitos no club amesán.
Ademais, o vindeiro 27 de xuño, terán lugar os exames para obter o cinto negro de karate, un dos niveis máis altos desta arte marcial. Na xornada seguinte, o 28 de xuño, a Escola de Karate Dokkodo celebrará a cerimonia de entrega dos cintos aos karatekas que superaran o exame e o evento “Karate en familia”, unha xornada na que as familias dos deportistas teñen a oportunidade de probar e introducirse neste deporte.
Novas relacionadas:
Diario de Santiago: "A escola Dokkodo conseguiu oito medallas na 3º Xornada da Liga Galega de Karate"
AMSGO!: "Dokkodo conseguiu oito medallas na 3º Xornada da Liga Galega de Karate"











