Pestanas principais

A Escola de Verán finaliza coa realización dunha feira medieval

Xoves, 31 de agosto de 2017

[31-08-2017] Este xoves, 31 de agosto, remata a Escola de Verán, que este ano tivo como liña temática as viaxes no tempo. Así, en xullo, as nenas e nenos participantes afondaron na historia dos romanos, mentres que en agosto mergulláronse de pleno no período medieval, que rematou coa organización dunha feira.

Escudos, xoiería, papiros, esculturas ou ferramentas foron algunhas das pezas que as nenas e nenos da Escola de Verán intercambiaron na feira medieval organizada o pasado mércores. Deste xeito, sacaron á rúa os obxectos que ao longo de agosto realizaron en diferentes obradoiros.

Para a ocasión, as nenas e nenos engalanáronse coas súas mellores roupas medievais, que foron realizadas por eles propios. Así, esta feira contou coa participación de artesáns, comerciantes, labregas e cabaleiras que estaban dispostas a intercambiar as súas pezas coas de outros compañeiros e compañeiras. As rapazas e rapaces participantes tamén foron os encargados de preparar os xogos que se ían levar a cabo durante o desenvolvemento da feira; xogos populares con algunha ligazón co medievo.

Alén dos preparativos da feira, que se sucederon ao longo de todo agosto coa execución de diferentes obradoiros, a Escola de Verán tamén se caracterizou pola realización de diferentes xogos e polas actividades de auga (para as máis pequenas e pequenos) e de piscina (para as e os máis grandes).

Obradoiros de cociña creativa
Neste xoves 31 de agosto, que é o último día da Escola de Verán, as nenas e nenos participantes tiveron a oportunidade de demostrar a súa imaxinación e destreza na cociña, a través da realización de obradoiros gastronómicos creativos. Organizados por equipos, as nenas e nenos tiveron que construír un orixinal prato con pezas de froita, que incluíse o maior número de froitas posibles. Un xogo co que todas e todos gozaron e do que todas e todos foron gañadores, xa que co obxectivo de non promover a competitividade, houbo premios para todos os grupos: premios ao prato máis creativo, ao máis completo, ao máis divertido, ao máis elegante...

356 usuarias e usuarios entre xullo e agosto 
Neste verán de 2017, pasaron pola Escola de Verán de Ames un total de 356 nenas e nenos; 162 en Bertamiráns e 194 no Milladoiro. A Escola de Verán é un dos múltiples programas de conciliación que oferta o Concello de Ames, co obxectivo de ofrecer unha alternativa de conciliación ás familias amesás durante o verán. Nesta edición, a Escola de Verán estivo centrada nas viaxes no tempo.



Contido relacionado


Ames Go: "Os rapaces amesás celebran unha Feira Medieval para rematar a Escola de Verán"