Pestanas principais

A Escola de Verán de Milladoiro remata as actividades do mes de xullo coa proxección dunha película feita polos nenos

Sábado, 30 de xullo de 2011

[30-07-2011] A Escola de Verán remata o seu primeiro mes de actividades na que os rapaces e rapazas aprenderon e se entretiveron. A Escola de Verán de Milladoiro centrou o seu programa na proxección dun filme na que os cativos fixeron de presentadores, reporteiros, actores e mesmo bailaríns. Esta actividade fixo as ledicias dos máis pequenos do Milladoiro que con moita ilusión gravaron e montaron coa axuda dos seus monitores unha divertida e animada película que tiña como argumento principal o mar. A “premier” foi proxectada este venres como acto de clausura desta quenda de actividades. O concelleiro de Educación, Alfonso Rey, e o concelleiro de Promoción Económica, Bernardo Moar, asistiron a este acto ao que tamén acudiron os familiares dos nenos e nenas para observar o resultado do seu traballo e, a súa vez, para ver a parte máis creativa dos pequenos e pequenas amienses.


Reducción do 50%

Está previsto que no mes de agosto, o número de participantes nas escolas de verán de Milladoiro e Bertamiráns se reduza a metade debido a que son moitos os pais e as nais que comezan o seu periodo vacacional. Neste mes de xullo participaron neste servizo lúdico e educativo ofertado polo Concello de Ames máis de 200 cativos e cativas, o que contribuiu a favorecer a conciliación laboral e familiar dos pais.


Ames Directo foi o nome escollido polos participantes da Escola de Verán de Milladoiro para este programa de entretemento onde participaron tódolos nenos. Durante o mes de xullo e dentro do programa de actividades organizado polos monitores, as rapazas e rapaces encargáronse de realizar unha película onde se disfrazaron e gozaron da experiencia de ser actores, directores, presentadores, reporteiros, bailaríns e, tamén, escenógrafos. Con moita ilusión e moitas habilidades artísticas que mostrar, os nenos da Escola de Verán de Milladoiro proxectaron este venres ás once da mañá o resultado do seu particular espectáculo. Tras atravesar a alfombra vermella na Casa da Cultura ante a atenta mirada de verdadeiros fans de excepción, os pais e nais dos cativos, as rapazas e rapaces amienses déronlle ao play e tódolos asistentes gozaron dun filme centrado en aspectos relacionados co mar e caracterizado por multitude de disciplinas artísticas como a danza, o deseño de disfraces e decorados e a interpretación e labores xornalísticos dos cativos.

O concelleiro de Educación, Alfonso Rey, calificou esta iniciativa de positiva e apostou pola calidade artística destes cativos e cativas augurando a posibilidade que desta actividade saian verdadeiros actores.

Tras a proxección da película, os rapaces e rapazas da Escola de Verán de Milladoiro contaron coa festa de despedida deste primeiro mes de actividades. Mentres tanto na escola de Bertamiráns as nenas e nenos despediron o mes de xullo coa visualización da película Chicken Little e a cunha animada e divertida festa na que gozaron de multitude de xogos e música.