[22-05-2012] A Escola Municipal de Música de Ames (EMMA) organizou unha reunión informativa para todos os pais e nais dos alumnos/as matriculados neste centro coa intención de informar e aclarar calquera dúbida con respecto aos prazos de matrícula de cara ao vindeiro curso 2012-2013. Toda a información necesaria sobre organización da EMMA, novas materias, prazos de matrícula, cotas mensuais, situación da escola, etc, darase na reunión que se celebrará este xoves, 24 de maio, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter os impresos que hai que cubrir para realizar a matrícula para o próximo curso.
O Concello de Ames, a través da concellaría de Cultura, informa os pais/nais e alumnos/as da Escola Municipal de Música de Ames, que este xoves, 24 de maio, ás 20:30 horas, celebrarase unha xuntanza informativa na Casa da Cultura de Bertamiráns, onde se abordarán diferentes aspectos da escola de música (organización e horarios, novas materias que se impartirán, prazos de matrícula, cotas mensuais, situación da escola...) de cara ao vindeiro curso escolar 2012-2013.
Ademais, con motivo do remate do presente curso escolar, a Escola Municipal de Música de Ames (EMMA) abre un primeiro prazo de reserva de matrícula para o próximo curso 2012/2013, dirixido aos alumnos/as que xa estiveron matriculados na EMMA este curso. O prazo abrangue dende o día 28 de maio ata o 1 de xuño. Para que a praza quede reservada, os pais e nais terán que ingresar na conta bancaria correspondente o importe da matrícula e achegar o resgardo de pagamento xunto coas fichas da matrícula nos lugares sinalados.
Toda a información para facer a matrícula está especificada nas follas das solicitudes que se deberán entregar, dentro do prazo sinalado, ben no Pazo da Peregrina en Bertamiráns de luns a venres, en horario de 9:00 h. a 14:00 horas, ou ben na Casa da Cultura do Milladoiro de luns a venres desde as 9:30 h. ás 13:00 horas.
Por outra banda, os pais e nais de todos aqueles nenos/as que desexen comezar estudos musicais na Escola Municipal de Musica de Ames deberán formalizar a matrícula do 11 ao 22 de xuño. Para responder calquera tipo de dúbida ou pregunta sobre os cursos da EMMA, os interesados teñen á súa disposición o número de teléfono 981 535 940 de luns a venres, en horario de 9:30 h. a 13:00 horas. Tamén poden enviar un correo electrónico a escolademusica@concellodeames.org
Oferta educativa da EMMA
A oferta educativa, coma sempre, estará orientada a nenos/as de 4 anos para diante. Para os máis pequenos, que non poden comezar aínda cun instrumento musical, ofrecéselles a clase de música e movemento, que consiste nunha especie de iniciación á musica para os nenos/as que teñen de 4 a 7 anos. Para os maiores de 7 anos a EMMA seguirá ofrecendo as mesmas materias que se viñan impartindo en cursos anteriores. Entre estas materias están Linguaxe Musical (solfexo), recomendable para todos aqueles matriculados nun instrumento, e as clases de combo ou conxunto instrumental de música moderna.
Ademais impartiranse clases para a práctica de diferentes instrumentos. Así, poderán asistir aqueles nenos/as que desexen aprender a tocar ou mellorar a súa técnica no piano, guitarra, frauta, violín, percusión e batería ou saxofón. Por último, ofertaranse varias prazas para as clases de canto moderno, dirixidas a nenos/as a partir de 7 anos e cunha duración dunha hora á semana. Para poder participar nas clases de canto moderno haberá que realizar unha proba de acceso previamente.
Como todos os anos celebrarase unha actuación de fin de curso na que participarán todos os alumnos e alumnas da EMMA. Este festival terá lugar o próximo 22 de xuño, ás 19:30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Nesta cita o alumnado poderá demostrar todo o que aprendeu durante o curso e deleitarnos con pezas musicais nunha agradable velada, sobre todo para os orgullosos pais e nais.




