[14-09-2011] A Escola de Maiores de Bertamiráns e do Milladoiro vólvese pór en funcionamento a través da Oficina de Voluntariado de Ames. Esta escola está dedicada á formación de persoas da terceira idade. Nela impártense clases sobre cuestións básicas de informática, foméntase a lectura e procúrase a interacción dos seus participantes a través de excursións didácticas. O prazo de inscrición para participar nesta actividades estará aberto a partir do 22 de setembro. As clases comezarán o 28 de setembro no Milladoiro e o 6 de outubro en Bertamiráns.
A Escola de Maiores de Bertamiráns e do Milladoiro vólvese por en funcionamento para ofrecer un novo curso no período 2011/2012. Por noveno ano consecutivo, a Oficina do Voluntariado de Ames pon en marcha a Escola de Maiores, unha iniciativa da Concellaría de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado, dirixida a todas as persoas de certa idade con ganas de aprender.
Moitas persoas non puideron asistir á escola cando eran cativas e non saben nin ler nin escribir, unhas capacidades moi necesarias na vida cotiá. Así, a Oficina do Voluntariado de Ames volve abrir por noveno ano consecutivo a súa escola para adultos. Nela, o alumnado poderán adquirir conceptos básicos de lectoescritura, aprenderá a sumar e a restar ou levará a cabo algunhas aprendizaxes máis avanzadas, segundo o nivel de cada un.
O obxectivo básico é dotar estas persoas de ferramentas e coñecementos mínimos que lles axuden a desenvolverse con máis facilidade. Trátase dunha escola integral, polo tanto, ademais das actividades formativas, organízanse actividades paralelas, como charlas de interese en diferentes eidos.
Os mércores e venres desenvólvense na Casa da Cultura do Milladoiro, e os mércores e os xoves na Casa da Cultura de Bertamiráns. O coordinador da Oficina de Voluntariado de Ames (OVA), Rubén Ramos, convida a todos/as interesados/as a que participen deste novo curso. Para inscribirse deberán achegarse á OVA (Oficina de Voluntariado de Ames), en Bertamiráns, ou chamar ao número 981 883 703.




