Pestanas principais

A Escola de Karate Dokkodō logra o segundo posto no medalleiro da Liga Galega en Maceda

Domingo, 31 de maio de 2026

A Escola de Karate Dokkodō asinou este pasado sábado en Maceda (Ourense) unha das mellores actuacións da súa historia recente na Liga Galega de Karate. Cunha expedición formada por 15 deportistas, o club amesán acadou o segundo posto no medalleiro xeral tras unha xornada de gran nivel competitivo. 

O balance final foi de 13 medallas —cinco ouros, dúas pratas e seis bronces— repartidas entre distintas categorías e modalidades, confirmando o gran momento que atravesa o club tanto en kata como en kumite.

A xornada deixou actuacións moi destacadas en diferentes categorías. Tiago Blanco foi un dos grandes protagonistas ao conseguir o dobrete en kata e kumite alevín, mentres que Vera Quintás e Xián Blanco tamén lograron subir ao máis alto do podio nas súas respectivas categorías de kata, confirmando o gran nivel técnico do equipo nesta modalidade. Tamén Raúl Rodríguez volveu proclamarse campión en kumite júnior -61 kg, mantendo a súa gran liña competitiva.

En kata tamén cómpre destacar os bronces conseguidos por Breixo Regueiro, Hugo Torre e Martina Barreiro, así como os diplomas acadados por Gabriel Vázquez, Erea Regueiro, Jadel Rodríguez, Martín Carballo e Arturo García, nunha competición de enorme nivel e con categorías especialmente numerosas.

Na modalidade de kumite, Xián Blanco, Jadel Rodríguez e Martín Carballo lograron a prata tras completar unha gran competición nas súas respectivas categorías. Os bronces de Vera Quintás, Uxía Regueiro, Martina Barreiro e Arturo García completaron unha actuación moi sólida do equipo tamén na modalidade de combate, mentres que Iván Carballo quedou ás portas das medallas cun meritorio quinto posto.

Este resultado chega apenas unha semana despois da participación de cinco deportistas do club no Campionato de España Infantil disputado en Oviedo, mantendo así a boa dinámica competitiva dunha tempada especialmente destacada para a escola amesá.

Desde a dirección do club quixeron destacar “o traballo diario do grupo e o compromiso das familias, fundamentais para seguir medrando e competindo ao máximo nivel”.

Novas relacionadas:

AmesGo: "Dokkodō queda segundo no medalleiro da Liga Galega en Maceda e Olivia Parga suma puntos para o Gran Winner"

A Escola de Karate Dokkodō logra o segundo posto no medalleiro da Liga Galega en Maceda

Multimedia

  • A Escola de Karate Dokkodō logra o segundo posto no medalleiro da Liga Galega en Maceda