- Tematica
Este venres, 17 de febreiro, a Coordinadora de Convivencia Positiva, coa axuda do profesorado, o persoal non docente, a ANPA e o departamento de mediación intercultural do Concello de Ames, vai organizar o primeiro Entroido Intercultural no IES do Milladoiro. O obxectivo é tentar mellorar a convivencia positiva no centro e recoller, ao mesmo tempo, un aproveitamento didáctico da propia experiencia educativa. Haberá música, gastronomía e disfraces. O Concello de Ames colabora nesta iniciativa a través do técnico de mediación intercultural da Concellaría de Benestar Social.
No IES do Milladoiro conviven arredor de 600 persoas con multitude de nacionalidades, de lugares tan diversos como: Angola, Arxentina, Bolivia, Brasil, Chile, China, Colombia, Ecuador, E.E.U.U., España, Escocia, Francia, Italia, Marrocos, México, Panamá, Perú, Portugal, República Dominicana, Suíza, Uruguai, Venezuela...
Dende o centro educativo cren que o entroido é unha oportunidade máis para xerar expresións culturais compartidas. Aprender a comunicarse a través do diálogo desde o respecto mutuo e a empatía, mostrando sensibilidade ante as outras culturas e a nosa propia, é un xeito de camiñar cara a interculturalidade como recoñecemento e respecto á diversidade social.
As actividades programadas para esta xornada son lúdico-educativas, posto que a maiores do clásico desfile de disfraces hai unha serie de actividades educativas para fomentar a convivencia positiva e a reflexión, danza grupal guiada, a degustación de doces do entroido organizada pola ANPA e a exposición de doces do mundo “12 doces”. Todo isto grazas á colaboración das familias e do alumnado dos diversos países que conforman o espazo educativo do IES do Milladoiro.
Aprenderase como se fan as arepas venezolanas, os escones de Escocia, a pastafrola Arxentina, os brigadeiros do Brasil, a paracuca de Angola, o tiramisú de Italia, o rösti de Suiza ou os buñuelos de Bolivia entre outros moitos pratos do mundo. A maiores contarase coa colaboración da cociñeira Fátima (Fatna Ait Messaoud Boujrida), que achegará a rica cultura culinaria de Marrocos.
Novas relacionadas:
AMS GO!: "O IES do Milladoiro celebra o seu entroido máis internacional"