Pestanas principais

Entregáronse os premios Galetiktokers 2021 nunha gala presentada por Fátima Pego

Venres, 17 de decembro de 2021

“Redescubre a música galega”, “Minuto Breogán”, “A xente e os seus vicios” e “E inglés, si?” foron os vídeos gañadores do certame Galetiktokers 2021. Os premiados déronse a coñecer onte, 16 de decembro, no transcurso dunha gala que contou coa presenza das persoas participantes, dos membros do xurado e de Fátima Pego que actuou como presentadora e, acompañada do DJ Son1c, como cantante. Asistiron tamén o alcalde de Ames, Blas García, e a concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística, Escarlata Pampín. Tanto nas súas intervencións como na do resto dos convidados/as púxose de manifesto a necesidade de inzar as redes de contidos en galego como xeito de valorizar e de perpetuar a lingua ao tempo que aproveitamos as vantaxes dunha marca de noso que nos fai únicos e diferentes. Os departamentos de Mocidade e de Normalización Lingüística de Ames botaron a andar o certame de Galetiktokers o ano pasado para a cidadanía de Ames. Nesta segunda edición abriuse o concurso a quen quixera participar, o que provocou que se recibisen propostas procedentes de outros moitos concellos galegos.

Con moita enerxía subiu ao palco a presentadora e cantante Fátima Pego para presentar a Galetiktokers 2021, unha festa que contou, ademais de coa súa música da cantante e presentadora en directo, co humor “tictokeiro” de dous dos membros do xurado: Gabi G e Leti da Taberna. A tamén xurado, Lucía Rodriguez, subiu ao escenario para sinalar “a dificultade de elixir aos gañadores dada a calidade dos traballos presentados”. Todos os traballos puideron verse no transcurso da gala.

Na categoría de 13 a 16 anos obtivo o premio do público “Redescubre a música galega”, un traballo presentado polas amesás Lorena Viñas Lafuente, Emma Arias Blanco e Zulfa Muiño Vilela. O premio do xurado foi para “Minuto Breogán” dos vigueses Ismael Barreiro e Jerome Alonso. Cómpre salientar que nas votacións de Instagram ambos os dous traballos obtiveron os mesmos likes, 345, e que a organización do certamen tivo que abrir un novo prazo de votacións para o desempate.

Na categoría de máis de 17 anos, o público outorgou o premio a “E inglés, si? da compostelá Antía Villaverde. Pola súa banda, o xurado concedeu o premio á peza “A xente e os seus vicios” da fisterrá Alba Castro.

A concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, gabou a esencia do certame de “ir cos tempos levando a nosa lingua ás redes” e agradeceu a todas as persoas que traballaron a prol do certame desde as técnicas de Normalización e Mocidade, ás persoas que interviron na gala e a todas as persoas que participaron cos seus traballos”.

Pola súa banda, o alcalde de Ames, Blas Garcia, declarouse “defensor e usuario das redes sociais desde o seu inicio” e manifestou a “gran utilidade que teñen tamén para espallar o uso do galego”. García felicitou a todos/as participantes no concurso e gabou a “aposta que o concello fai a través deste e outros concursos por promover o uso do galego e recoller as inquedanzas da mocidade”. Ademais insistiu en que “o galego hai que falalo todos os días e as administracións temos a obriga de poñelo en valor”. O alcalde aproveitou a circunstancia para anunciar que na vindeira semana abriría unha nova canle de conexión coa veciñanza a través das plataformas de streaming Twitch e Facebook Live.

Nesta edición presentáronse 22 propostas que enviaron 32 candidatos/as. A temática das pezas é variada, aínda que a lingua e a cultura galega destacan como foco principal dos tiktoks das participantes. Os vídeos inclúen referencias á música, ao deporte, á sociolingüística ou mesmo a estereotipos do galego. Tamén hai tiktoks de carácter humorístico e de bailes. Os premios do certame Galetiktokers suman 600 euros, repartidos entre as dúas categorías. Cada un dos premiados recibiu 150 euros.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Os mellores ‘tiktokeiros’ de Vigo, Fisterra, Santiago ou A Maía levaron galardóns"

Galetiktokers 2021

Multimedia

  • Galetiktokers 2021
  • Galetiktokers 2021
  • Galetiktokers 2021
  • Galetiktokers 2021
  • Galetiktokers 2021
  • Galetiktokers 2021
  • Galetiktokers 2021
  • Galetiktokers 2021
  • Galetiktokers 2021