Pestanas principais

Entréganse os premios do XII Concurso de Escaparates de Nadal 2017

Mércores, 21 de marzo de 2018

[21-03-2018] O alcalde de Ames, José Miñones, e a concelleira de Promoción Económica, Isabel González, foron os encargados de facer entrega dos premios do XII Concurso de Escaparates de Nadal. O primeiro premio recaeu en Espacio Metro de Bertamiráns, o segundo en Zona PC, situado na mesma localidade, e o terceiro na Carnicería Sigüeiro do Milladoiro. Pola súa banda, os establecementos galardoados co Premio especial do público foron La Lila, en Bertamiráns, con 150 votos, e Arola Moda e Complementos, no Milladoiro, con 362. No total, participaron no XII Concurso de Escaparates de Nadal 2017 44 comercios, 26 de Bertamiráns e 18 do Milladoiro.

O salón de plenos da Casa do Concello vén de acoller a entrega de premios do XII Concurso de Escaparates de Nadal 2017, no que os establecementos comerciais de Ames competiron co engalando dos seus escaparates. A entrega de premios correu a cargo do alcalde de Ames, José Miñones, e da concelleira de Promoción Económica, Isabel González.

O primeiro premio, outorgado a Espacio Metro en Bertamiráns, foi recollido por Jacobo Fernández. O segundo, acadado polo establecemento Zona PC da mesma localidade, foi recollido por Pablo Suárez, mentres que o terceiro, entregado á Carnicería Sigüeiro do Milladoiro, foi recollido por Luis A. Gómez. O primeiro galardón estivo dotado con 1.000 euros, o segundo con 700€ e o terceiro con 400€.

O Premio Especial do Público, dotado con 200 euros, foi parar en Bertamiráns a La Lila, coa obtención de 150 votos. No Milladoiro, resultou gañador o establecemento Arola Moda e Complementos con 362 votos. Á entrega de galardóns, asistiu Pilar Piñeiro para recoller o premio de La Lila. O concurso, que foi organizado pola Concellaría de Comercio, Promoción Económica, Traballo e Turismo, contou coa participación de 44 establecementos, 26 de Bertamiráns e 18 do Milladoiro.