[29-02-2012] O alcalde de Ames, Santiago Amor, e o concelleiro de Comercio, Promoción Económica, Traballo e Turismo, Bernardo Moar, entregáronlle os premios e os diplomas aos cinco gañadores do VI Concurso de Escaparatismo. O primeiro clasificado, Labralia, recibiu 600 euros de premio, o segundo premio de 400 euros recaeu en Panadería Artesana e o terceiro premio de 200 euros foi para Organza Decoración. O cuarto premio, que consiste nunha fin de semana para dúas persoas en sesión termal valorada en 200 euros, recaeu na empresa Floristería Carmiña e o quinto, que foi para Queens, é unha fin de semana nunha casa de turismo rural para dúas persoas valorada en 100 euros. En total, o Concello de Ames repartiu 1.500 euros para premiar os escaparates mellor engalanados durante a época de Nadal.
O concelleiro de Comercio, Promoción Económica, Traballo e Turismo puxo en marcha este concurso no que os comerciantes amienses competiron co engalanado dos seus escaparates que estiveron expostos dende o cinco de decembro de 2011 ao 5 de xaneiro de 2012. O premios este ano estiveron máis repartidos ca nunca e, en lugar de tres, foron cinco os comercios premiados. O primeiro premio recaeu na empresa Labralia, que xa se fixera co primeiro posto o ano pasado. O segundo premio foi para Panadería Artesana, que tamén repetiu o mesmo posto respecto a edición anterior, o terceiro premio foi para Organza Decoración, o cuarto para Floristería Carmiña e o quinto para Queens. O concurso tivo na súa sexta edición 35 participantes e segundo o xurado o nivel foi moi alto.
Tras o ditame do xurado, no pasado mes de xaneiro, hoxe pola mañá realizouse a entrega dos premios e dos diplomas aos cinco comercios gañadores da VI edición do Concurso de Escaparatismo. O acto de entrega, que tivo lugar no salón de plenos da Casa do Concello, estivo presidido polo alcalde de Ames, Santiago Amor, e o concelleiro de Comercio, Promoción Económica, Traballo e Turismo, Bernardo Moar.
O xurado estivo composto polo alcalde de Ames, Santiago Amor, o concelleiro de Comercio, Bernardo Moar, Álex Righi tesoureiro de AEMI (Asociación de Empresarios de Milladoiro), Juan Carlos Zahera, Presidente da Asociación de Comerciantes de Bertamiráns, Antonia Pinto Veloso, escaparatista de Covas e por un técnico municipal do departamento de promoción económica.



A hora de elixir os gañadores os membros do xurado tiveron en conta diversos parámetros como a orixinalidade e o deseño. Ademais valoráronse aspectos técnicos como a colocación, a separacións de ámbitos, a produción, ou os materiais empregados. Nesta edición foron moitos os establecementos que optaron por decorar co branco e o vermello como cores predominantes.
Dende a concellería de Comercio, Promoción Económica, Traballo e Turismo destacaron que este ano se produciu unha sinerxia entre os participantes e as empresas que non concursaron pero que tamén decoraron moi ben os escaparates. Ademais, este concurso axuda a facer dos establecementos focos de atracción e aumenta o interese da clientela polos produtos. O alcalde e o concelleiro de Comercio e Promoción Económica agradeceron a participación dos comerciantes de Ames neste concurso que este ano tivo o maior número de participantes dende a súa creación.






