Pestanas principais

Entréganse os premios do V Concurso Radiofónico de Teatro Lido de Ames, Desata a Lingua!

Sábado, 28 de novembro de 2015

[28-11-2015] O acto de entrega de premios celebrouse este venres, 27 de novembro, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns, onde os gañadores/as das tres categorías (premio especial do público, premio ao mellor guión e premio á mellor interpretación) subiron ao escenario do auditorio para representar en directo as obras. O alcalde, José Miñones, a concelleira de Mocidade, Silvia Dapena, a concelleira de Normalización Lingüística e Comunicación, Isabel Vaquero, e dous dos membros do xurado, Pepo Suevos e Federico Pérez, dedicaron unhas palabras aos rapaces e rapazas.


A presentadora do acto, Nazaret López, abriu o acto felicitando aos rapaces e comentando que, “a pesar de que este Concurso sexa novo e cumpra só cinco anos -varios certames amesáns cumpriron este ano dez anos- agardamos que se siga realizando moitos anos máis”.

As concelleiras de Normalización Lingüística e Mocidade agradeceron “a participación do alumnado”, destacando “o alto número de participantes que houbo nesta edición”. A propia Isabel Vaquero comentou “o gratificante que resulta escoitar como algunhas das obras tratan temas como o da lingua galega que, como verá o público, agora sabemos que provén do queixo”.

Os actores Pepo Suevos e Federico Pérez animaron aos rapaces e rapazas “a continuar e a seguir creando, iso si, que agarden un pouco que se non quitádesnos o traballo”. Trala súa intervención o público puido escoitar encima do escenario do auditorio aos alumnos e alumnas dos IES do Milladoiro e de Bertamiráns que lograron conquistar ao público e ao xurado cos seus traballos.

Obras gañadoras
Este ano a obra ''Mente Vacía'' foi a que conseguiu conquistar ao público amesán polo que levou o premio do público. Os seus autores son os alumnos Elisabeth Prieto e Eric Ortega do IES de Ames (Bertamiráns).

O xurado destacou á peza ''Somos o que comemos'' polo seu guión, creado polos estudantes Daniel Iglesias Duro, Rafael Tato Penas, Daniel Expósito Patiño e Jorge Expósito Patiño, do IES de Milladoiro. Polo tanto esta obra foi premiada co premio ao mellor guión orixinal. Por último, a calidade interpretativa de Eva López e Álex González, tamén alumnos do IES de Milladoiro, valeulles o premio á mellor interpretación pola obra ''Teleoperadora''.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Voces radiofónicas e interpretativas se forman en los institutos de Ames"