Pestanas principais

Entréganse os premios do III Concurso Radiofónico de Teatro Lido de Ames, Desata a Lingua!

Sábado, 14 de decembro de 2013

[14-12-2013] A Casa da Cultura do Milladoiro acolleu onte o acto de entrega dos premios da terceira edición do Concurso Radiofónico de Teatro Lido de Ames, Desata a Lingua! Este acto celebrouse xusto antes do inicio da representación da peza teatral "O home almofada" da compañía Ilmaquinario Teatro. O grupo As seis de sempre, coa obra "Unha tarde coas Tornado", recibiu o premio do público, mentres que o grupo Linguas libres, coa peza "Mitin", obtivo o premio ao mellor guión orixinal. Por outra banda, o premio á mellor interpretación foi para o grupo Axóuxere coa obra "Ai mamasiña que medo!" Estes tres grupos recibiron 200 euros de premio. Ademais, o xurado outorgou os premios á mellor interpretación masculina e feminina, que non dispón de dotación económica, a Javier Vila Besada e Laura Millet Capdevila. Os premios foron entregados polo alcalde de Ames, Santiago Amor, a concelleira de Cultura, María Eugenia Martín, e o concelleiro de Educación, Bernardo Moar. O acto de entrega de premios estivo conducido por Nazaret López, dramaturga e xornalista de Ames Radio.


Premios á mellor interpretación masculina e feminina
O xurado tamén determinou que os premios á mellor interpretación masculina e feminina, que non dispoñen de dotación económica, recaeron en Javier Vila Besada e Laura Millet Capdevila, que pertencen ao grupo Axóuxere. O xurado deste premio estivo formado por Juan Luís Silva (xornalista de Ames Radio), Rosa Moreiras (técnica de Normalización Lingüística do Concello de Ames) e María Vázquez (técnica de Cultura do Concello de Ames).

Este concurso, organizado polos departamentos de Normalización Lingüística, Cultura e Comunicación do Concello de Ames, ten o obxectivo de dinamizar dun xeito lúdico o uso oral e escrito do galego entre a mocidade amesá. Ademais, intenta fomentar o gusto polo teatro entre a veciñanza, en xeral, e en particular entre os sectores de xente máis nova do concello. A esta edición presentáronse 7 grupos de rapaces e rapazas do IES de Ames, do IES do Milladoiro e do Colexio Alca. En total participaron 26 alumnos/as que están cursando estudos de segundo ciclo da ESO ou de bacharelato. A temática foi libre, aínda que o xurado valorou que estivese relacionada con algún tema de actualidade.

Este ano o premio do público, que está dotado con 200 euros, recaeu no grupo As seis de sempre. Estas rapazas que cursan primeiro de bacharelato no Colexio Alca ofreceron unha visión actual da sociedade a través da conversa de seis mulleres nun parque coa obra Unha tarde coas Tornado. Este grupo está formado por Candela Vilela Castro, Andrea Álvarez Nieto, Inés Costas Juliani, Helena Pernas Coutinho, Marina Vázquez-Portomeñe Guillán e Carmen Freire Facal. As seis de sempre obtiveron un total de 73 votos.

O premio ao mellor guión orixinal foi para o grupo Linguas libres. Gloria Martínez Pazos e Rebeca Carballo Amado, que cursan cuarto da ESO no IES do Milladoiro, empregaron o seu Mitin para lanzar unha mensaxe de esperanza en tempos difíciles. Este premio tamén está dotado con 200 euros. Por outra banda, o premio á mellor interpretación foi para o grupo Axóuxere coa obra Ai mamasiña que medo!, que relata unha singular historia dun xigante vido a menos. Este grupo está formado por Irene Walter Sanz, Óscar Suárez Fernández, Laura Millet Capdevila e Javier Vila Besada, todos eles alumnos/as de cuarto da ESO, primeiro e segundo de bacharelato do IES de Ames. Este premio está dotado con outros 200 euros.