[26-12-2016] A Asociación de Empresarios do Parque Empresarial Novo Milladoiro organizou unha nova edición do seu concurso fotográfico, en colaboración co Concello de Ames. A temática deste certame xirou en torno ao propio parque e á visión da empresa actual. As fotografías presentadas a dito certame poden verse no segundo andar da Casa da Cultura do Milladoiro ata o 30 de decembro. Nesta edición presentáronse 45 obras na categoría absoluta e 12 fotografías na categoría infantil-xuvenil.
Fotografías premiadas
Na categoría infantil e xuvenil o primeiro premio foi para Aarón Vilariño coa fotografía Emprendedor. O segundo premio recaeu en Alba Canseco que fixo a fotografía chamada Un punto de color. O terceiro premio foi Lucía Sobrado que presentou a fotografía titulada Un paseo polo polígono. Ademais, concedéuselle un Accésit a Alejandra Santos, que foi a fotógrafa máis nova do certame, pola fotografía O Sur do Milladoiro.
Na categoría absoluta o primeiro premio foi para Carmen Cunqueiro coa fotografía O que queda do día. O segundo premio recaeu na fotografía Repostar e descargar feita por Borja Villaronga. O terceiro e último premio foi para a fotografía titulada Vixiándote, que foi realizada por Matías David López.
O xurado, encargado de elixir aos autores/as premiados/as, estivo composto por Xoán Soler (foto-xornalista de La Voz de Galicia) Alberto Uzal (do Estudio Fílmate), David Santomil (concelleiro de Cultura), Isabel González (concelleira de Promoción Económica) e Javier Santos (presidente da Asociación do Parque Empresarial de O Milladoiro).
A Asociación de Empresarios do Parque Empresarial Novo Milladoiro quere con este certame fotográfico “fomentar a participación da cidadanía na actividade do parque empresarial do Milladoiro”. Por iso convidaron ás persoas amantes da imaxe a achegarse ao parque e retratalo a través das súas lentes. As imaxes reflicten as instalacións do propio parque, o ir e vir das persoas que se achegan ás naves, dos produtos etc. Dentro do certame existen dúas categorías diferentes: unha para maiores de 18 anos e outra para menores de idade. As imaxes enviadas pasarán a formar parte do arquivo fotográfico da asociación de empresarios. Todas estas imaxes pódense ver na Casa da Cultura do Milladoiro ata o día 30 de decembro.
O pasado xoves, 22 de decembro, celebrouse a gala de entrega de premios na que se deron a coñecer os nomes das tres persoas gañadoras da categoría adulta e as da infantil e xuvenil. Os premios inclúen un vale por 300 euros, 200 euros e 100 euros para o primeiro, segundo e terceiro posto na categoría adulta e distintos agasallos para os gañadoras da infantil e xuvenil. Todas as persoas gañadoras recibiron ademais un diploma acreditativo. Para seguir fomentando esta capacidade artística, cada un dos participantes menores de idade será agasallado cun curso de fotografía que se impartirá a finais de xuño 2017 nas instalacións de ForGa por parte do fotografo Alberto Uzal da empresa Fílmate.


Contido relacionado

El Correo Gallego: "Amosan a actividade no polígono Novo Milladoiro a través de instantáneas"




