Pestanas principais

Entréganse os premios do Concurso Radiofónico de Teatro Lido de Ames, Desata a Lingua!

Sábado, 15 de decembro de 2012

[15-12-2012] A Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu onte a entrega de premios da segunda edición do Concurso Radiofónico de Teatro Lido de Ames, Desata a Lingua! Este acto celebrouse xusto antes do inicio da representación da obra Sexo?, Por que non? da compañía Eme 2. O grupo As Laretas, coa obra Nova de última hora, recibiu o premio do público, mentres que o grupo Linguas Desatadas, coa peza O xuízo de Lina e Lana, obtivo o premio do xurado. Ambos os dous grupos recibiron 300 euros de premio. Ademais dos premios recollidos nas bases, o xurado decidiu concederlle unha mención especial ao grupo Xeración do 95 coa peza peza Lingua sen fronteiras pola orixinalidade do guión. Os premios foron entregados polo alcalde de Ames, Santiago Amor, a concelleira de Cultura, María Eugenia Martín, e o concelleiro de Educación, Bernardo Moar. Tamén asistiu a este evento a concelleira de Xuventude, María González. O acto de entrega de premios estivo conducido por Nazaret López, dramaturga e xornalista de Ames Radio.

Este concurso, que estivo organizado polos departamentos de Normalización Lingüística, Xuventude e Comunicación do Concello de Ames, pretendeu dinamizar o uso do galego entre a mocidade amesá a través da reflexión colectiva sobre a nosa realidade sociolingüística. Ademais, intentou fomentar o gusto polo teatro entre a veciñanza, en xeral, e en particular entre os sectores de xente máis nova do concello.

Este ano o premio do público recaeu no grupo As Laretas, coa peza de creación propia Nova de última hora. Este grupo composto por Irene Lorenzo Rey e Aida Pazos Sande, alumnas de primeiro de bacharelato do IES de Ames, recibiu un premio de 300 euros. As Laretas obtiveron un total de 64 votos, que representa o 22,3 % dos votos emitidos. En segundo lugar quedou o grupo CAL con 57 votos, o terceiro posto foi para Linguas Desatadas con 42 votos, o cuarto lugar ocupouno o grupo E logo con 38 votos, no quinto posto quedou o grupo Chámalle X con 25 votos, o sexto posto foi para o grupo Irenia con 24 votos, no sétimo lugar quedou o grupo PS con 22 votos e o oitavo posto ocupouno Xeración do 95 con 14 votos.

Por outra banda, o premio do xurado foi para Linguas Desatadas coa peza O xuízo de Lina e Lana. Este grupo formado por Paula Masa Ogando, Minia Monteagudo Vilavedra e Laura Meillet Capdevila, alumnas de terceiro da ESO do IES de Ames, tamén recibiron un premio de 300 euros. A peza é unha adaptación dun fragmento da Comedia Bífida de Manuel Núñez Singala. O xurado deste premio estivo formado por Nazaret López (dramaturga e xornalista de Ames Radio), Rosa Moreiras (técnica de Normalización Lingüística do Concello de Ames) e Pilar Villaverde (informadora xuvenil do Concello de Ames).

Mención especial do xurado
Ademais dos premios recollidos nas bases, o xurado decidiu concederlle unha mención especial ao grupo Xeración do 95 coa peza peza Lingua sen fronteiras pola orixinalidade do guión. Este grupo é do Colexio Alca e estivo integrado por Daniel Pardo González, Pedro Pisón Muíña, José Ignacio Treviño Balboa, Julia González Bermúdez, Pabo Antelo Lijó e Paula Rey Castiñeiras.

Nesta segunda edición do concurso presentáronse 8 grupos de rapaces e rapazas do IES de Ames e do Colexio Alca. Estes grupos son Chámalle X, Xeración do 95, Linguas desatadas, E logo!, Irenia, Cal, P.S. e As Laretas. En total participan 27 alumnos/as que cursan estudos de segundo ciclo da ESO ou de bacharelato. Todos os grupos están formados por entre dúas e seis persoas e están dirixidos por un profesor/a ou un monitor/a nomeado polo propio grupo. A temática de todos os textos versou sobre a situación social do idioma galego.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Entréganse os premios do Concurso Radiofónico de Teatro Lido de Ames, Desata a Lingua!"