Pestanas principais

Entréganse os diplomas do programa de inserción laboral InserAmes IV

Venres, 20 de maio de 2011

[20-05-2011] Hoxe ao mediodía o alcalde de Ames, Carlos Fernández, e a concelleira de Promoción Económica, Emprego, Turismo e Medio Ambiente, Úrsula Seijas, entregáronlles, ás persoas que participaron nas accións formativas do programa InserAmes IV, os correspondentes diplomas por participar nestes cursos que se desenvolveron dentro deste plan de inserción laboral. Neste momento estase desenvolvendo a terceira fase do programa que consiste na realización de prácticas en empresas e na busca activa de emprego. Ata o de agora dos 100 usuario/as deste programa, 32 conseguiron algún tipo de contrato. Na actualidade son 27 as persoas que están dadas de alta e dispoñen de contrato. Outras 11 persoas continúan a súa formación. O alcalde de Ames, Carlos Fernández, anuncio que o Concello acaba de recepcionar as obras do novo centro de formación ocupacional, que albergará as próximas edicións deste programa e doutras iniciativas en materia de emprego.

A mediados do mes de novembro o Concello de Ames puxo en marcha o plan de inserción laboral, InserAmes IV. Este ano mantívose o mesmo número de participantes respecto á edición anterior e un total de 100 persoas están beneficiándose deste programa de inserción laboral, que busca a integración no mercado laboral daquelas persoas que se atopan sen emprego. En seis meses, que leva desenvolvéndose este programa, xa se conseguiron 32 insercións laborais mediante contratos indefinidos de duración determinada. A diferencias doutras edicións este ano hai máis iniciativas emprendedoras.

Ames é un dos pouco concellos da provincia que segue ofrecendo este programa que está cofinanciado pola Consellería de Traballo e Benestar a través das axudas para os programas integrados para o emprego. Aínda quedan tres meses para que remate a cuarta edición do programa. Tendo en conta que no período estival é a época na que se conseguen a maior parte das insercións laborais, agárdase acadar o 35% de insercións que é o obxectivo marcado no mes de novembro cando comezou a desenvolverse o programa.

Segundo explicou a concelleira de Promoción Económica e Emprego, Úrsula Seijas, "a cuarta edición do programa de inserción laboral InserAmes leva en marcha seis meses, pero os resultados que se poden extraer deste proxecto son moi positivos xa que ata o de agora xa se conseguiron 32 insercións laborais con contratos indefinidos e contratos temporais. Das 100 persoas que participan na cuarta edición deste programa, 32 conseguiron algún tipo de contrato. Na actualidade son 27 as persoas que están dadas de alta e dispoñen de contrato. Outras 11 persoas continúan a súa formación específica en programas existentes na contorna".

Úrsula Seijas continuou dicindo "a diferencia doutras edicións este ano aumentaron as iniciativas emprendedoras polo que se incrementaron as insercións por altas no réxime de autónomos. Deste xeito, recentemente un dos participantes neste programa puxo en marcha unha iniciativa emprendedora. Trátase do parque infantil "A mona Ramona", que abriu en Bertamiráns. Ademais outras catro persoas están iniciando os trámites para poñer en marcha unha iniciativa empresarial. Para iso están contando co asesoramento que ofrece este programa".

Durante o mes de novembro levouse a cabo a primeira fase do programa na que se impartiu a formación transversal e específica, xunto coas sesións de titoría correspondente aos itinerarios personalizados. Posteriormente dende o mes de decembro retomáronse de novo as actividades formativas, pero de xeito máis específico. Nesta segunda fase impartíronse varios módulos e cursos de formación específica. Rematada a fase principal do proceso formativo, hoxe ao mediodía, o alcalde de Ames, Carlos Fernández, e a concelleira de Promoción Económica, Emprego, Turismo e Medio Ambiente, Úrsula Seijas, fixeron entrega dos diplomas que acreditan o aproveitamento das accións formativas, que se impartiron dentro deste programa.

Accións formativas

Na actualidade, o programa InserAmes IV atópase na terceira fase correspondente a realización de prácticas en diferentes empresas ou institucións. Ademais continuase realizando un seguimento e titorización de todos os usuarios que aínda non atoparon traballo. Agora que a formación case finalizou o programa ofrece itinerarios de inserción personalizados; orientación laboral na busca activa de emprego e prácticas laborais.

Na fase formativa transversal impartíronse catro cursos (habilidades sociais, busca activa de emprego, alfabetización informática e creación de empresas). Nesta primeira fase participaron 63 persoas. Ademais, realizouse unha segunda fase de formación específica na que se impartiron tres cursos (dietética e nutrición, hiperatividade e coidador de discapacitados) nos que participaron 45 persoas. Para impartir a formación específica tívose en conta o perfil de cada participante e os sectores e ocupacións con mellores perspectivas do mercado. A formación transversal e especializada impartiuse nas aulas do edificio de Servizos Múltiples de Aldea Nova.

As accións formativas intercálanse coas sesións de titoría correspondente aos itinerarios personalizados e as prácticas laborais en diferentes empresas. A formación propia e o acceso aos recursos existentes no territorio está centrada en varios xacementos de emprego como son o sector da construción e restauración de vivendas; os traballos forestais e relacionado co medio natural; os servizos de atención personalizada de carácter social, así como os sectores e servizos de ocio e culturais, tales como a promoción do turismo, o desenvolvemento cultural local, a promoción do deporte ou o sector audiovisual.

Ames continúa desenvolvendo este programa xa que está avalado polos bos resultados que se obtiveron. Nas tres edicións anteriores conseguíronse 66 insercións laborais de polo menos 6 meses de duración. Na primeira edición houbo 14 insercións de 20 participantes, na segunda 18 persoas atoparon traballo de 30 participantes e na terceira houbo 34 insercións de 100 participantes. Nas tres anteriores edicións deste programa houbo 150 usuarios, dos cales 66 atoparon traballo. Isto danos un 44% de insercións laborais (22 insercións cada ano sen contabilizar as insercións conseguidas na actual edición que aínda non rematou). O incremento de insercións foi aumentando progresivamente ao tempo que foron aumentando as prazas ofertadas destro deste plan formativo.

Centro de formación ocupacional

O alcalde de Ames, Carlos Fernández, anunciou que o Concello de Ames acaba de recepcionar as obras de construción do novo centro de formación ocupacional. Na actualidade estanse realizando os últimos traballos que consisten na limpeza interior e exterior do edificio. O rexedor municipal explicou que "as vindeiras edicións do programa InserAmes desenvolveranse no centro de formación ocupacional. Ademais, acollerá outro tipo de actividades e iniciativas en materia de emprego".

A edificación aséntase nunha finca situada nun solar de propiedade municipal, clasificado polo Plan Xeral de Ordenación Municipal como solo urbano. Esta parcela está situada ao noroeste da estrada autonómica C- 543, no lugar de Os Batáns, próxima á urbanización Aldea Nova. O solar ten unha superficie de 973 metros cadrados e linda ao norte e oeste coa rúa Costaneira e ao sur e este co Polígono S-06 Os Batáns. A devandita parcela xa dispoñía de varios servizos como son o de acceso rodado, subministro de enerxía eléctrica, abastecemento de auga potable e rede pública de saneamento.

As obras abarcaron a reforma e acondicionamento da estrutura existente para que poida ser usada como un centro de formación ocupacional. Disponse dunha zona de acceso e planta baixa, unha ampla zona destinada a taller-exposición e outros dous locais destinados á realización de prácticas de diversos cursos formativos. Na planta superior hai tres aulas, aseos, tres despachos e unha sala de xuntas. Ademais habilitouse unha zona de servizos que consistirán nun almacén, salas de instalacións, zonas de vestiarios e aseos. Tamén se construíu unha zona de administración composta por varios despachos e salas de xuntas, ademais de tres aulas para clases teóricas.

O proxecto contempla dúas vías de acceso. Debido a pendente da parcela habilitouse un acceso para a planta baixa e outro para a planta superior. A planta baixa está destinada a zona de traballos, talleres e almacén. Ademais habilitouse un recibidor onde está situado un local de información-conserxería e un pequeno local de reprografía. Na zona norte da planta baixa instaláronse os vestiarios e os aseos tanto masculinos como femininos e de minusválidos.

Esta obra foi sufragada a través do Fondo Estatal para o Emprego e a Sustentabilidade. A empresa Construcciones Vilamiño SL, foi a encargada de executar as obras para rematar este centro. Este proxecto foi adxudicado por un importe de 363.994 euros.