[24-02-2011] Onte ao mediodía o alcalde de Ames, Carlos Fernández, e a concelleira de Promoción Económica, Emprego, Turismo e Medio Ambiente, Úrsula Seijas, entregáronlles, ao alumnado que participou no curso formativo dirixido a profesionais que traballan con persoas hiperactivas, os correspondentes diplomas por participar neste curso que se desenvolveu no marco do "Programa de formación experimental para desempregados do Fondo Social Europeo" e que subvenciona a Consellaría de Traballo e Benestar Social. O curso estivo divido en dúas partes, unha teórica e outra práctica. A fase teórica, desenvolveuse durante o mes de setembro e parte de outubro nas aulas do Centro de Formación e Servizos Múltiples do Concello, situado na urbanización Aldea Nova. A continuación realizouse unha parte práctica na escola infantil O Bosque, en Bertamiráns, e na escola infantil A Madalena do Milladoiro.
A mediados do mes de setembro de 2010 o Concello de Ames puxo en marcha o curso de formación nas habilidades de autonomía persoal e social en nenas e nenos, adolescentes e adultos con hiperactividade, que se desenvolveu nas aulas do Centro de Formación e Servizos Múltiples do Concello, situado na urbanización Aldea Nova, durante os meses de setembro a novembro. Esta acción formativa estivo dirixida a persoas desempregadas, pertencentes a sectores cunha alta taxa de desemprego, que recibiron unha formación especializada neste xacemento de emprego.
Valorouse a formación que os solicitantes do curso tiñan en educación infantil, maxisterio, xardín de infancia, psicoloxía, terapia ocupacional, pedagoxía, logopedia e disciplinas afíns. Ademais valorouse o nivel profesional ou técnico e a experiencia profesional. Deste xeito o perfil do alumnado foi moi variado. O 66% dos alumnos/as son diplomados en maxisterio, o 13% son licenciados en psicoloxía e o 13% restante están licenciados psicopedagoxía.
Rematado o proceso formativo, onte ao mediodía, o alcalde de Ames, Carlos Fernández, e a concelleira de Promoción Económica, Emprego, Turismo e Medio Ambiente, Úrsula Seijas, entregáronlles ás participantes neste curso os diplomas que acreditan o aproveitamento das accións formativas, que se impartiron dentro deste programa.
Os asistentes ao curso formáronse en programas de intervención e adestramento nas habilidades de autonomía persoal en persoas que padecen trastornos por déficit de atención e hiperactividade. Algúns dos contidos teóricos impartidos abordaron os procesos psicolóxicos que levan a estas persoas a manter unha conduta hiperactiva, os distintos xeitos de intervencións multimodais, psicoeducativas, de modificación de conduta e de adestramento nas habilidades de autonomía persoal e social.
Fase práctica
Ademais da parte teórica, houbo unha fase práctica que se desenvolveu nas escolas infantís municipais. Deste xeito, as alumnas levaron a cabo as súas prácticas na Escola Infantil de O Bosque, en Bertamiráns, e na Escola Infantil de A Madalena do Milladoiro. Todas as participantes neste curso tiveron prácticas en horario de mañá, de 8:30 h. a 14:30 horas, para adecuarse ao funcionamento das escolas. A fase practica, que constou de 144 horas, rematou o 22 de novembro. En total foron 24 días de formación práctica nas escolas de educación infantil.
Durante esta fase práctica o alumnado elaborou un estudo experimental de detención precoz de trastornos de hiperactividade. Tamén aplicaron unha serie de técnicas de condutas empregada polos profesionais dos centros. As alumnas traballaron cos nenos/as que teñen determinados trastornos de hiperactividade e que contan con outras necesidades educativas especiais.
O curso tivo unha duración de 290 horas e desenvolveuse nas aulas o Centro de Formación e Servizos Múltiples do Concello, situado na urbanización Aldea Nova. As clases impartíronse de luns a venres entre os días 14 de setembro e 23 de novembro. O financiamento do curso correu a cargo do "Programa de formación experimental para desempregados do Fondo Social Europeo" que subvenciona a Consellaría de Traballo e Benestar Social.