Pestanas principais

Entréganse os diplomas do curso de alfabetización dixital que se realizou en Agrón

Xoves, 12 de maio de 2011

[12-05-2011] O local social de Agrón acolleu durante os meses de febreiro, marzo, abril e maio un curso de iniciación á informática. O obxectivo desta iniciativa foi promover a alfabetización dixital para todas as capas da poboación de Ames. O curso ofreceu nocións básicas de word, access, excel e power point para os usuarios/as. Ademais tamén coñeceron como funciona o sistema operativo Windows. En Agrón organizouse un grupo, que estivo formado por 12 persoas. Estes cursos tamén se desenvolveron nas parroquias de Bugallido e Ameixenda, polo que en total foron 48 os amienses que se beneficiaron desta iniciativa. O alcalde de Ames, Carlos Fernández, e a concelleira de Economía e Facenda, Patricia Conde, foron os encargados de entregar os diplomas.

Na actualidade a informática é unha ferramenta imprescindible na vida cotiá e laboral de calquera persoa. Por iso, a través do programa de dinamización dixital impartiuse un obradoiro de iniciación á informática na parroquia de Agrón. Así, dende a Concellaría de Cultura o que se pretendeu foi concienciar á cidadanía amiense da importancia da alfabetización dixital.

O obxectivo deste curso é dotar aos usuarios dunha serie de coñecementos básicos sobre aplicacións de emprego habitual como son word, acces, excel e power point. As persoas asistentes, que non tiveron contacto previamente con estas útiles ferramentas para o día a día, puideron aprender a desenvolverse no emprego das mesmas con eficiencia básica, de feito que a partir de agora poidan manexalas con todas as posibilidades que iso lles ofrece. Ademais tamén se impartiron nocións para iniciar aos usuarios/as no sistema operativo Windows.

En Agrón organizouse un grupo que estivo formado por 12 persoas. Estes cursos tamén se desenvolveron nas parroquias de Bugallido e Ameixenda, polo que en total foron 48 os amienses que se beneficiaron desta iniciativa. Estes cursos de informática estiveron destinados a persoas de 18 anos en adiante empadroadas no Concello de Ames.

O curso de Agrón impartiuse os luns e venres entre as 20:00 h. e as 22:00 horas. Estas accións formativas tiveron lugar entre os meses de marzo e de maio. Completadas as 40 horas das que dispón este curso, o alcalde de Ames, Carlos Fernández, e a concelleira de Economía e Facenda, Patricia Conde, estiveron na última sesión do obradoiro celebrada o pasado luns 9 de maio, para facer entrega dos diplomas que acreditan o correcto aproveitamento desta acción formativa.

Estes obradoiros realízanse coa intención de que a alfabetización dixital chegue a todas as capas da poboación amiense. Deste xeito dáselle continuidade ao programa de dinamización dixital nas aldeas. Nas edicións anteriores estes obradoiros xa se organizaron nas localidades de Piñeiro, Augapesada e Covas.