Pestanas principais

Entréganse os diplomas do curso básico de inglés organizado pola Oficina de Voluntariado de Ames

Sábado, 01 de xuño de 2013

[01-06-2013] O alcalde de Ames, Santiago Amor, fixo entrega esta semana dos diplomas do curso básico de inglés para maiores organizado a través da Oficina de Voluntariado. No acto, o rexedor estivo acompañado pola concelleira de Voluntariado, María Carmen Verde, e polo concelleiro de Urbanismo, Alfredo Taboada.

En total, oito persoas participaron no curso 'Achégate ao inglés'. Trátase dun obradoiro de iniciación dirixido á todas aquelas persoas que non teñen ningunha formación na lingua inglesa. As clases, que foron impartidas por unha profesora voluntaria que está licenciada en filoloxía inglesa, realizáronse os luns e mércores en horario de mañá, entre as 8:30 h e as 10:30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro.

A través deste curso, organizado pola Oficina de Voluntariado de Ames (OVA), os alumnos e alumnas achegáronse ao inglés e puideron aprender algunhas nocións básicas para poder desenvolverse tanto a nivel oral como escrito. Trátase dunha iniciativa pioneira no Concello de Ames, xa que nunca se realizou un obradoiro deste tipo dirixido a persoas maiores.

Este obradoiro xurdiu despois de que moitas persoas se interesasen por este tipo de cursos. Eran moitos os veciños e veciñas que reclamaban un curso de inglés para as persoas maiores, xa que estas iniciativas sempre se realizan para a xuventude amiense.