Pestanas principais

Entregado o premio da terceira edición da campaña “Ilumina o teu sorriso”

Xoves, 27 de xaneiro de 2022

O veciño Pablo Tarrío Goy recibiu na tarde do mércores 26 un teléfono móbil de última xeración como gañador do sorteo da terceira edición da campaña “Ilumina o teu sorriso”. A entrega do agasallo tivo lugar en Bertamiráns, no local de Rueiro Clínica Dental, a entidade colaboradora na campaña que fixo a doazón do premio. Ao acto acudiron, ademais do veciño gañador, o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, e representantes da Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA) e de Rueiro Clínica Dental.

Como todos os veciños e veciñas que participaron no sorteo, Pablo Tarrío Goy realizou dúas fotos en dúas das seis localizacións sinaladas pola campaña, escollidas polos seus elementos decorativos de Nadal. Nesta edición, os lugares seleccionados foron as prazas do Concello, da Maía e de Chavián, en Bertamiráns, e as prazas de Manuel Murguía e da Madalena, ademais de Anxeriz, no Milladoiro.

A campaña “Ilumina o teu sorriso” está organizada polas tres asociacións de comerciantes e empresarios amesás, a Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), Viorneira Palmira Bulevar e Parque Empresarial Novo Milladoiro, coa colaboración da Concellaría de Promoción Económica, o estudo Javier Troitiño Fotógrafo e Rueiro Clínica Dental. Esta última empresa foi a que realizou a doazón do teléfono móbil de última xeración que se sorteou entre as persoas participantes.

Á entrega do premio asistiron o gañador, Pablo Tarrío Goy; o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz; Jorge López e Beatriz López Orgales, presidente e xerente de XEA, así como David Fernández, en representación de Rueiro Clínica Dental, onde se desenvolveu o acto.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, aproveitou para agradecer ás asociacións organizadoras (XEA, Viorneira Palmira Bulevar e Parque Empresarial Novo Milladoiro) a posta en marcha do concurso, que “contribuíu un ano máis a fomentar e dinamizar o comercio local”.

Coa entrega do premio xa realizada, as tres asociacións de empresarios e comerciantes exporán todas as fotografías que participaron no concurso nos seus locais asociados e nos seus escaparates, despois de que xa foran publicadas no Instagram e no Facebook @amesnarua.

Novas relacionadas

La Voz de Galicia: "Pablo Tarrío regresó a casa con un Galaxy A52 gracias a sus fotos navideñas en Ames"

Entregado o premio da terceira edición da campaña “Ilumina o teu sorriso”

Multimedia

  • Entregado o premio da terceira edición da campaña “Ilumina o teu sorriso”