Pestanas principais

Entre os meses de xaneiro e marzo a Policía Local de Ames imputou un total de oito delitos contra a seguridade viaria e por outras infraccións

Martes, 05 de abril de 2016

[05-04-2016] A seguridade viaria segue a ser unha prioridade para a Policía Local de Ames. Deste xeito, o corpo de seguridade amesá durante os meses de xaneiro, febreiro e marzo imputou catro delitos contra a seguridade viaria por dar positivo nos controis de alcol, negarse a someterse á proba de control de alcol e conducir trala perda total de puntos asignados. Tamén interviron noutros casos de intento de roubo, danos nunha vivenda, lesións a unha persoa e entraron nun domicilio ante a alerta de que había unha persoa falecida no seu interior.

Dentro do traballo de vixilancia e control que realizan os axentes da Policía Local de Ames, durante o mes de xaneiro recibiuse unha chamada telefónica por parte dun veciño de Bertamiráns, alertando dun accidente na avenida da Maía, co resultado de varios vehículos afectados pola colisión fronte-lateral contra os vehículos estacionados. Unha vez no lugar dos feitos os axentes observaron que o condutor do vehículo mostraba síntomas evidentes de encontrarse baixo a influencia de bebidas alcohólicas, feito polo que foi sometido ás probas de detección alcohólica mostrando un resultado positivo, feito polo que se lle imputou un delito contra a seguridade viaria.

Tamén en xaneiro imputouse outro delito contra a seguridade viaria. Neste caso un condutor negouse a someterse a proba de control de alcol. Despois de invitalo en varias ocasións a que se sometese á realización de ditas probas, esta persoa manifestou en todo momento que non se ía someter a ningún tipo de proba para comprobar a taxa de alcoholemia. Debido a iso instruíronse as correspondentes dilixencias por un presunto delito contra a seguridade viaria por negativa a someterse ás probas de detección alcohólica.

Por outra banda, o pasado 21 de xaneiro, a Policía Local recibiu unha chamada dun veciño de Ames alertando da presenza de seu irmán tirado no chan do baño, non respondendo as súas chamadas. Unha vez, no lugar dos feitos comprobouse a veracidade dos feitos procedendo a chamar ó servizo do GES de Brión para proceder ó corte de dous barrotes da fiestra que impedía o acceso á vivenda. Unha vez dentro, en cumprimento do establecido na lei 4/2015, artigo 15,2, verificouse a morte da persoa a través do médico do 061, continuándose coas seguintes actuacións e dando traslado das mesmas á Garda Civil do Milladoiro.

Actuacións no mes de febreiro
No mes de febreiro imputouse un delito por propiciar lesións a unha persoa. O pasado 13 de febreiro, cando os axentes estaban realizando a comprobación dos horarios de peche dos establecementos hostaleiros, detectouse a existencia dunha pelexa nos exteriores dun local de Bertamiráns, na que unha persoa foi agredida por outra, arrancándolle un pedazo de orella, sendo preciso o seu traslado ó hospital por medios propios. Posteriormente as actuacións correspondentes, deuse conta ao posto da Garda Civil do Milladoiro, sendo posible a detención da persoa que ocasionou ditas lesións.

Ademais, a mediados de febreiro, na quenda de noite os axentes recibiron unha chamada dunha persoa solicitando unha patrulla por mor dunhas pintadas que lle acababan de facer na súa vivenda. Trasladados inmediatamente ó lugar, conseguiuse localizar aos posibles autores dos feitos debido á rapidez coa que actuou a patrulla, dando conta das actuacións ao respecto ao órgano correspondente para continuar coas actuacións oportunas.

A finais de febreiro imputouse un novo delito contra a seguridade viaria por un positivo nun control de alcol. No momento no que os axentes estaban realizando labores de patrulla pola rúa Palmeiras, no Milladoiro, observaron a un condutor que presentaba síntomas de circular baixo os efectos de bebidas alcohólicas, polo que lle deron o alto observando os axentes que presenta síntomas evidentes de encontrarse baixo a influencia de bebidas alcohólicas, feito polo cal se someteu ás probas de detección alcohólica obtendo un resultado positivo e instruíndo as correspondentes dilixencias por un presunto delito contra a seguridade viaria por condución baixo a influencia de bebidas alcohólicas.

Actuacións no mes de marzo
O pasado 16 de marzo, cando os axentes estaban realizando o servizo de patrulla pola AC-544 sentido Bertamiráns, detectaron un vehículo situado ao lado dun camión, coas luces acendidas. Ao aproximarse a dito vehículo, este púxose en marcha, iniciándose deste xeito unha persecución ata a detención do mesmo. Posteriormente, comprobouse que estaban roubando gasóleo do camión estacionado polo que se realizaron as dilixencias oportunas e deuse conta ó posto da Garda Civil do Milladoiro.

Por último, o pasado 19 de marzo, cando os axentes estaban realizando un control policial no cruce da avenida da Peregrina coa Travesía Peregrina, un vehículo non se detivo ante a sinal de alto dada por un axente da autoridade. Debido a iso realizouse a busca deste vehículo localizando nel a unha persoa que carecía de permiso de condución por perda total dos puntos asignados, polo cal se instruíron as correspondentes dilixencias por un presunto delito contra a seguridade viaria por condución con perda total dos puntos asignados.

Campaña de vixilancia do cinto de seguridade
A Policía Local desenvolveu entre o 14 e o 20 de marzo unha campaña de vixilancia do cinto de seguridade e outros sistemas de retención homologados. Durante esa semana realizáronse diferentes controis nos que se detectou que un total de 369 condutores de vehículos e 15 condutores de vehículos de transportes de mercancías levaban posto o cinto de seguridade. Por outra banda, sancionouse a 15 condutores de vehículos de transporte de mercancías que non levaban abrochado o correspondente cinto de seguridade.

En canto aos pasaxeiros que circulaban no asento dianteiro, detectouse que 97 persoas que ían nun vehículo e 5 que circulaban en vehículos de transportes de mercancías levaban posto o cinto, mentres que 15 que ían en vehículos de transporte de mercancías non o levaban abrochado. Os controis realizados sobre os pasaxeiros que circulaban nos asentos traseiros foron máis satisfactorios, xa que as 43 persoas, que circulaban en vehículos e foron sometidas a este control, levaban posto o cinto de seguridade. Por último, tamén se realizou un control sobre os sistemas de retención infantil. Neste caso realizáronse 76 controis e todos foron positivos xa que levaban instalados os sistemas necesarios.