[23-12-2015] A seguridade viaria segue a ser unha prioridade para a Policía Local de Ames. Deste xeito, o corpo de seguridade amesá durante os meses de setembro, outubro, novembro e comezos de decembro imputou nove delitos contra a seguridade viaria por dar positivo nos controis de alcol, negarse a someterse a proba de control de alcol, condución temeraria, conducir sen permiso de conducir ou coa perda total de puntos asignados. Tamén interviron en tres casos de furtos e noutros casos de ameazas a axentes da autoridade, violencia no ámbito familiar e quebrantamento dunha orde de inmobilización dun vehículo.
Dentro do traballo de vixilancia e control que realizan os axentes da Policía Local de Ames, durante o mes de setembro recibiuse unha chamada informando que un condutor tivera un accidente de tráfico ao chocar contra outros vehículos que estaban correctamente estacionados. Unha vez no lugar dos feitos os axentes observaron que o devandito condutor mostraba síntomas evidentes de atoparse baixo a influencia de bebidas alcohólicas, polo que se lle realizou o control de alcol dando un resultado positivo. Debido a iso imputóuselle un delito contra a seguridade viaria.
Tamén en setembro se imputaron dous delitos máis contra a seguridade viaria. Un deles a unha persoa que se negou a someterse ás probas de detención de alcol. O segundo caso sucedeu nas inmediacións dun centro escolar cando os axentes da Policía Local detectaron a unha persoa que conducía un vehículo sen o correspondente permiso de circulación xa que non dispoñía deste documento. Ademais, levaba a un menor no vehículo sen os dispositivos de retención homologados para a súa talla e peso.
No momento no que os axentes lle indican a esta persoa que ía a ser imputado por un delito contra a seguridade viaria o condutor volveu a entrar no seu vehículo e arrancou bruscamente. Os axentes que estaban diante do vehículo tiveron que realizar unha manobra evasiva para evitar ser atropelados. De seguido, o vehículo incorporouse á vía cruzando unha isleta e non cedendo o paso aos demais coches que circulaban correctamente. Por todo iso, imputóuselle un delito contra a seguridade viaria (condución temeraria e sen permiso de conducir), así como un delito de atentado contra os axentes da autoridade.
Ademais, no mes de setembro procedeuse á identificación do presunto autor dun furto de mercadoría nun establecemento público, despois que os axentes atopasen varios produtos de dito establecemento no interior do seu vehículo. Asemade procedeuse á detección dunha persoa por un presunto delito de atentado e ameazas aos axentes da autoridade; e detívose a outra persoa por un presunto delito de violencia no ámbito familiar no que o presunto agresor agrediu a seu pai e a súa irmá nunha disputa.
O alcalde, José Miñones, que é o responsable de seguridade, afirma que “o Concello de Ames ten máis que amosado que é un municipio seguro cunha presenza policial os 365 días do ano e as 24 horas do día, na procura de conseguir unha vixilancia continua”. O rexedor municipal agradece o traballo do departamento da Policía Local e a coordinación existente coa Garda Civil do Milladoiro.
Actuacións en outubro e novembro
En outubro, os axentes da Policía Local interviron en dous casos de furto. No primeiro recuperaron un can de raza beagle que lle fora roubado ao seu propietario, motivo polo cal xa presentara unha denuncia. No segundo caso procedeuse a identificar a unha persoa que foi denunciada por un presunto roubo de varios obxectos nun establecemento público de Bertamiráns.
No mes de novembro a Policía Local de Ames procedeu a imputar dous delitos contra a seguridade viaria. Un destes delitos foi porque unha persoa deu positivo no control de alcol e outra negouse a someterse a dita proba cando presentaba síntomas evidentes de estar baixo a influencia de bebidas alcohólicas.
Actuacións no mes de decembro
Por último, ata o día 10 de decembro os axentes da Policía Local imputaron catro delitos contra a seguridade viaria. Dous destes delitos fóronlle imputados a dous condutores que circulaban baixo a influencia de bebidas alcohólicas e deron positivo no control de alcol. A un destes condutores tamén se lle imputou un delito de quebrantamento dunha orde de inmobilización do seu vehículo. Outro delito imputóuselle a unha persoa que conducía o seu vehículo coa perda total dos puntos asignados no seu permiso de circulación.
Ademais, a Policía Local detivo a unha persoa por un presunto delito de falsidade documental e un delito contra a seguridade viaria por carecer de permiso de condución. Esta persoa intentou enganar aos axentes mostrándolles un permiso de condución expedido en Portugal que non era orixinal, pero detectouse que nunca obtivera o devandito permiso de conducir.
Contido relacionado

El Correo Gallego:"A Policia Local de Ames imputou 15 delitos no último trimestre"




