Pestanas principais

Entre o 15 de xullo e o 2 de agosto estará aberto o prazo para inscribirse no Setembro Lúdico

Martes, 15 de xullo de 2014

[15-07-2014] Para ocupar o tempo de lecer que teñen os nenos e nenas dende o remate da Escola de Verán e o comezo do curso escolar, a concellaría de Educación do Concello de Ames pon en marcha o programa Setembro Lúdico. Esta iniciativa está dirixida aos rapaces e rapazas escolarizados no segundo ciclo de educación infantil e en educación primaria, que están empadroados no Concello de Ames. Este programa de conciliación da vida laboral e familiar desenvolverase os días 1, 2, 3, 4, 5, 8 e 9 de setembro. O prazo de inscrición ábrese dende hoxe, 15 de xullo, ata o vindeiro 2 de agosto. Os interesados/as poden recoller a documentación necesaria no departamento de Educación, situado no Pazo da Peregrina en Bertamiráns, ou na Oficina municipal do Milladoiro. Premendo nos enlaces que están á túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o impreso de inscrición no programa Setembro Lúdico e as bases dos programas lúdicos.

Un ano máis, o Concello de Ames oferta unha alternativa para o tempo de lecer dos nenos e nenas amienses, ademais dunha boa oportunidade para conciliar a vida laboral e familiar a través do programa Setembro Lúdico. Este programa está dirixido aos rapaces e rapazas de segundo ciclo de educación infantil e de educación primaria. Os nenos e nenas para os que se solicite o programa deberán pertencer a unha unidade familiar empadroada na súa totalidade no Concello de Ames, no momento de presentar a correspondente solicitude. Ademais, haberá que acreditar a necesidade da conciliación da vida laboral e familiar por parte dos dous proxenitores ou titores. Por último, os solicitantes deberán estar ao día no pagamento de todos os servizos ofertados polo Concello de Ames, e en xeral, non ter débedas co Concello.

O programa iniciase ás 7:30 h co servizo 'Bos Días' que se desenvolverá ata as 9:00 horas, podendo o usuario/a escoller entre as modalidades con ou sen almorzo. O servizo de almorzo só funcionará ata ás 8:30 horas. Entre as 9:00 e as 14:30 horas desenvolveranse as actividades de lecer e educativas propias do servizo. Estas actividades desenvolveranse tanto en Bertamiráns coma no Milladoiro (nos locais habilitados polo Concello). Os nenos e nenas que non vaian usar o servizo de comedor serán recollidos/as ás 14:30 horas, mentres que os usuarios/as de comedor terán xogo libre e comedor ata as 16:00 horas.

Prazo de inscrición

Este martes, 15 de xullo, abre o prazo de inscrición para participar no programa do Setembro Lúdico. As solicitudes de inscrición poderán presentarse ata o 2 de agosto. Os interesados/as poden recoller a documentación necesaria no departamento de Educación, situado no Pazo da Peregrina en Bertamiráns, ou na Oficina municipal do Milladoiro. Posteriormente, haberá que entregar esta documentación no Rexistro Xeral da Casa do Concello en Bertamiráns (de luns a sábado), na Oficina Municipal do Milladoiro ou no Rexistro do departamento de Educación, situado no Pazo da Peregrina (de luns a venres). Tanto para a entrega como para a recollida dos papeis, o horario de atención ao público é de 9:00 h a 14:00 horas. En ningún caso se admitirán inscricións fóra de prazo.

Unha vez rematado o prazo de inscrición publicarase a lista de admitidos/as na que se indicarán os lugares das actividades por grupos nos taboleiros de anuncios da Casa do Concello, do Pazo da Peregrina e da Oficina Municipal do Milladoiro. Para máis información poden chamar ao departamento de Educación marcando o número de teléfono 981 891 476 ou enviar un correo electrónico ao enderezo educacion@concellodeames.org.