[10-04-2013] O Concello de Ames abre o prazo para que os usuarios/as dos servizos complementarios poidan preinscribirse ou renovar praza para o curso 2013-2014 na rede de comedores escolares e nos programas Bos días cole e Tardes divertidas. O período para levar a cabo esta preinscrición ou renovación de praza abarcará entre o 10 de abril e o 10 de maio. Por segundo ano, os interesados poden realizar a tramitación administrativa das súas solicitudes a través do portal www.conciliames.org, o sistema on line habilitado polo Concello de Ames co obxectivo de facer a xestión máis sinxela. Para facer esta operación tan só é preciso entrar na web municipal e premer no banner que está na cabeceira do portal municipal. Unha vez feita a preinscrición ou renovación haberá que imprimir un resgardo que se entregará no Rexistro Municipal.
As persoas que non dispoñan das ferramentas informáticas necesarias para poder facer esta xestión de forma on line terán a súa disposición ao persoal do departamento municipal de Educación. Deberán achegarse ata o departamento de Educación situado no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, ou ata as oficinas municipais do Milladoiro. Alí o persoal municipal realizará estes trámites por eles de forma telemática.