Pestanas principais

As entradas para o Festival Cinema Crianza están dispoñibles na Billeteira do Concello de Ames

Martes, 12 de decembro de 2017

[12-12-2017] O Festival Cinema Crianza terá lugar no Concello de Ames os vindeiros 15, 16 e 17 de decembro, nos auditorios das Casas da Cultura tanto do Milladoiro como de Bertamiráns. Ao longo da fin de semana, serán proxectadas 70 pezas, previamente seleccionadas entre as preto de 2.500 propostas presentadas desde os cinco continentes. Unhas pezas que amosarán viaxes sorprendentes que espertarán nas cativas e nos cativos a vontade de explorar a realidade. O xurado do festival estará conformado por Araceli Gonda, Nico Campo e Amalia Mato, tres recoñecidas e premiadas personalidades do audiovisual galego. As entradas para os diferentes pases están dispoñibles na Billeteira do Concello de Ames. O prezo de cada sesión variará entre a entrada libre, con necesidade de retirar entrada previamente, e os dous euros.

O Festival Cinema Crianza, que será o primeiro festival galego de cinema infantil, inaugurarase este venres, 15 de decembro, ás 18:00 horas. A sesión inaugural, que estará destinada tanto a crianzas como a maiores, amosará algúns dos traballos da cineasta alemá Lotte Reiniger. Considerada unhas das pioneiras do cinema de animación, polas súas personaxes de siluetas e aos xogos de luces e sombras, dela poderanse ver clásicos como Cincenta ou Pulgariña. Ao longo da fin de semana, a programación continuará tanto en horario de mañá como de tarde e noite. As entradas para os diferentes pases pódense obter a través da Billeteira do Concello de Ames. O prezo por cada sesión variará entre a entrada libre, con retirada previa da entrada, e os dous euros. 

Dúas seccións competitivas: “Axóuxeres” e “Buxainas”
A categoría “Axóuxeres” incluirá pezas destinadas a un público menor de tres anos, baseadas na transmisión sensorial mediante a cor e a música. Pola súa banda, a categoría denominada como “Buxainas” aglutinará curtametraxes orientadas a nenas e nenos maiores de tres anos. Nas dúas categorías, as pezas que non estean nin en lingua galega nin en castelán contarán cun narrador en directo, que as irá traducindo simultaneamente. Na selección das pezas tívose en conta o seu potencial para fomentar nos nenos e mozas un espírito crítico sobre temas sociais e culturais, así como a súa capacidade para cultivar o seu criterio audiovisual, ofrecendo primeiras experiencias diversas e de calidade.

As curtametraxes das sesións “Pequenas Criaturiñas”, trinta minutos de historias contadas mediante música e cores, e “Querido Planeta”, conformada por relatos que chegan desde o espazo exterior ou desde recunchos pouco coñecidos do noso planeta, competirán na sección “Axóuxeres”. A sesión “Brotes Verdes”, cuxo obxectivo é concienciar ás crianzas acerca dos riscos da contaminación e do valor da auga, participará na sección “Buxainas”. Ademais, tamén estará incluída nesta sección competitiva a sesión “A miña familia e outros animas”, na que se explorarán as non sempre fáciles relacións entre as crianzas e as persoas adultas. Ambas as sesións están destinadas a rapazas e rapaces que superen os 7 anos de idade.

As pezas encadradas na sesión “Narracións extraordinarias” tamén competirán na categoría “Buxainas”. As curtas desta sesión farán que as cativas e os cativos, maiores de tres anos, se encontren con seres máxicos, algúns tenebrosos, que serán os protagonistas de historias de aventuras, reais ou imaxinarias. Alén diso, unha das sesións máis especiais do Cinema Crianza será “Metamorfoses”. Dirixida a persoas maiores de 12 anos, incluído un público adulto, esta sesión achegarase aos conflitos máis comúns na adolescencia, retratando sentimentos e problemas a través de seis curtametraxes que xirarán arredor desta etapa da vida.

O xurado do Cinema Crianza estará conformado por tres recoñecidas e premiadas personalidades do audiovisual galego: Araceli Gonda, Nico Campo e Amalia Mato. Ademais das curtas das seccións competitivas, tamén se poderá asistir á proxección de cinco longometraxes: A casa da luz, Dwa Swiaty, (Dous mundos), Auf Augenhöhe (A nivel dos ollos), Ce n’est qu’un debut (Só é o comezo) e Minúsculos: o val das formigas perdidas.

Máis alá do cinema
Co obxectivo de amosar a produción cinematográfica feita en Galicia, o festival Cinema Crianza tamén contará con dúas sesións conformadas con curtas da produtora OQO filmes, así como cunha escolma feita con pezas do programa educativo “Cinema en curso”. Así mesmo, a música tamén terá un papel fundamental no desenvolvemento deste festival, con dúas sesións compostas por vídeos musicais de artistas da música infantil galega, entre os que se atopan nomes tan coñecidos como Paco Nogueiras, María Fumaça ou Magín Blanco, a quen se lle dedicará unha sesión específica. O Cinema Crianza tamén incluirá a realización dun encontro para o intercambio de experiencias educativas relacionadas no eido do audiovisual.

Contido relacionado


Praza Pública: "O cine dálles aos nenos e nenas mecanismos para se enfrontar ao mundo"