Pestanas principais

En torno a 70 persoas participaron o sábado na iniciativa “Achégate á praia fluvial de Tapia”

Mércores, 22 de xuño de 2016

[22-06-2016] Este sábado a praia fluvial de Tapia abriu por primeira vez, dando a benvida ao bo tempo. Tres encontros desenvolvéronse ese mesmo día e, tanto as persoas participantes na ruta polo rego do Andoriña, as que se iniciaron no piragüismo ou as familias do alumnado da EIM A Madalena, gozaron de actividades baixo o sol.

“Achégate á praia fluvial de Tapia” é unha actividade que desenvolveron conxuntamente o Concello de Ames, o club de sendeirismo e montañismo “Rutasapie”, o club de piragüismo “Ribeiras do Tambre” e a Deputación da Coruña. A partir das 11:00 comezaba a andaina polo roteiro que creou o alumnado do obradoiro de emprego “Entre ríos”, e as primeiras piraguas tomaban contacto co río.

Máis de 30 persoas participaron na primeira ruta do rego do Andoriña organizada polo Concello de Ames. Dunha lonxitude bastante asequible, 5200 metros, a ruta segue o trazado deste pequeno regato nun tramo circular que ten a praia de Tapia como punto de saída e retorno. Se ben en pouco máis dunha hora pódese realizar o percorrido os e as camiñantes quixeron deterse de cando en vez para contemplar a paisaxe, desfrutar da natureza e coñecer algúns exemplos do noso patrimonio cultural e etnográfico.

A xornada de inauguración ao piragüismo rematou cos seus 30 participantes conseguindo manterse na piragua; ningunha persoa caeu ao río Tambre, o que ten moito mérito tomando en conta o elevado caudal do río despois das últimas choivas. Mesmo tres rapaces animáronse a realizar a inscrición para participar no curso de piragüismo que comezará o vindeir luns 27 de xuño. Estas actividades animaron ademais aos e ás participantes a facer un donativo en favor da Fundación “Tu ayuda= mi ilusión”.

Lémbrase que a praia fluvial de Tapia permanecerá aberta até o día 15 de setembro. Nela realizaranse, ademais do curso de piragüismo, distintas actividades.



Contido relacionado


El Correo Gallego:"Más de 70 personas disfrutan de una jornada en Tapia"
La Voz de Galicia:"La playa fluvial de Tapia acogió a 70 personas para unas actividades lúdicas"