Pestanas principais

As empresas Labralia e Panadería Artesana repiten o primeiro e o segundo premio do concurso de escaparatismo de Ames

Venres, 20 de xaneiro de 2012

[20-01-2012] Esta mañá reuniuse o xurado do VI concurso de escaparatismo de Ames e fixéronse públicos os gañadores. O primeiro premio recaeu na empresa Labralia, que xa se fixera co primeiro posto o ano pasado. O segundo premio foi para Panadería Artesana, que tamén repite posto, o terceiro premio foi para Organza Decoración, o cuarto para Floristería Carmiña e o quinto para Quens. O concurso tivo na súa sexta edición 35 participantes e segundo o xurado o nivel foi alto. Os parámetros a ter en conta foron a orixinalidade e o deseño, e dentro deles valoráronse aspectos técnicos coma a colocación, a separacións de ámbitos, a produción, ou os materiais empregados. Este ano foron moitos os establecementos que optaron por decorar co branco e o vermello como cores predominantes.


O Concellerio de Comercio, Bernardo Moar destacou que "este ano se produciu unha sinerxia entre os participantes e as empresas que non concursaron pero que tamén decoraron moi ben os escaparates". Moar explicou ademais que este concurso axuda a facer dos establecementos focos de atracción e aumenta o interese dos clientes polos produtos. O concelleiro tamén agradeceu a participación dos comerciantes de Ames neste concurso que este ano tivo ademais o maior número de participantes dende a súa creación.

O xurado estivo composto polo alcalde de Ames, Santiago Amor, o concelleiro de Comercio, Bernardo Moar, Álex Righi tesoureiro de AEMI (Asociación de Empresarios de Milladoiro), Juan Carlos Zahera, Presidente da ACB, Antonia Pinto Veloso, escaparatista de Covas e por un técnico municipal do departamento de promoción económica.

Nos próximos días entregaranse os diplomas, os cheques e os vales para as estancias no balneario e na casa de turismo rural.


A concellería de Comercio, Promoción Económica, Traballo e Turismo puxo en marcha este concurso no que os comerciantes amienses competiron co engalanado dos seus escaparates que estiveron expostos dende o cinco de decembro de 2011 ao 5 de xaneiro de 2012. O premios este ano están máis repartidos ca nunca e en lugar de tres foron cinco as empresas premiadas. O primeiro clasificado, Labralia, recibirá 600 euros de premio, 400 euros recibirá Panadería Artesana e 200 euros recibirá o terceiro premiado, Organza Decoración. O cuarto premio consiste nunha fin de semana para dúas persoas en sesión termal valorada en 200 euros e recaeu na empresa Floristería Carmiña e o cuarto, que foi para Quens, é unha fin de semana rural para dúas persoas valorada en 100 euros.