Pestanas principais

A empresa Espina y Delfín comezará a xestionar o Ciclo integral da auga do Concello de Ames o 16 xuño

Xoves, 01 de xuño de 2017

[01-06-2017] Este pasado luns, 29 de maio, rematou un longo proceso no que se sacou a concurso e se adxudicou o Ciclo integral da auga. O goberno municipal deulle luz verde á resolución dos recursos e alegacións presentadas durante o devandito proceso. Deste xeito, a empresa adxudicataria é Espina y Delfín que comezará a xestionar o devandito servizo o vindeiro 16 de xuño. Dende o goberno municipal destacan a transparencia deste proceso e agradecen o traballo de todos os concelleiros/as da corporación municipal que participaron dende o inicio na elaboración dos pregos e nas posteriores xuntanzas para tratar de desbloquear e resolver a adxudicación deste contrato.


En agosto de 2015 celebrouse a primeira xuntanza da nova comisión do ciclo integral da auga co obxectivo de buscar unha fórmula de xestión do servizo municipal de saneamento e abastecemento de auga. Dende ese momento realizáronse varias xuntanzas para seguir avanzando neste eido coa elaboración dos pregos do novo contrato. Ao mesmo tempo, a comezos de novembro de 2015 a Xunta de Goberno Local aprobou a declaración do estado de emerxencia do Ciclo Integral da Auga para que a UTE Acciona Agua Espina Servicios prestase este servizo ata que finalizará o proceso de licitación do novo contrato.

Posteriormente, no pleno de abril de 2016 a corporación municipal aprobou por unanimidade os pregos técnicos que rexeron a licitación da xestión do servizo publico do Ciclo integral da auga. En novembro de 2016 a Mesa de Contratación, por unanimidade dos membros, propuxo a adxudicación da xestión deste servizo municipal á empresa Espina y Delfín SL, ao ser a que mellor puntuación obtivo en dito proceso. Esta proposta foi aprobada no pleno ordinario do pasado mes de decembro de 2016, mediante a modalidade de concesión administrativa por un prazo de 2+1+1.

De seguido, no pleno extraordinario celebrado o pasado 14 de febreiro aprobouse a suspensión do inicio da prestación do servizo do Ciclo integral da auga, que resultou do contrato formalizado o pasado 27 de xaneiro de 2017 entre o Concello e a empresa adxudicataria de dito servizo, Espina y Delfín SL, debido aos recursos de reposición presentados contra o acordo tomado en pleno o pasado 29 de decembro de 2016, de adxudicación da licitación da xestión do servizo público do Ciclo integral da auga.

Resolución dos recursos e alegacións
A partir de aquí abriuse un período para resolver as alegacións e mailos recursos presentados a dito proceso, que se rematou no pleno celebrado este pasado luns, 29 de maio, coa aprobación da resolución dos recursos e alegacións presentadas durante o devandito proceso. Deste xeito, a empresa adxudicataria é Espina y Delfín que comezará a xestionar o devandito servizo o vindeiro 16 de xuño.

O alcalde de Ames, José Miñones, agradeceu o traballo dos técnicos municipais. Miñones explicou que “foi un proceso aberto e transparente dende o inicio e coa adxudicación deste servizo ábrese unha nova etapa na cal por primeira vez o Concello de Ames xestionará directamente o cobro dos recibos e será o propio Concello o que lle aboe á empresa adxudicataria as cotas fixas pola xestión do Ciclo integral da auga”.

O rexedor municipal tamén indicou que “o Concello pasará a ser o titular do servizo polo que será quen o controle e o supervise. Isto é un importante paso porque permitiranos coñecer a fondo a xestión do servizo, como paso previo á xestión directa do Ciclo integral da auga e evitar así os problemas que tivemos no pasado ou na actualidade co actual concesionaria. Ademais, neste contrato incluíuse a nova ETAP Ames-Brión”.

Por último, cómpre salientar que no Orzamento de 2017 existe unha partida de 45.000 euros para realizar un estudo da municipalización dos servizos de abastecemento, saneamento e depuración. Así, contratarse a unha persoa que será a encargada de supervisar e de que se cumpran as condicións reflectidas no contrato deste servizo.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Espina y Delfín empezará a gestionar el servicio de agua en Ames el día 16"
El Correo Gallego: "Espina y Delfín retoma la gestión del agua el 16 tras la polémica con la UTE"