[15-06-2017] Este venres, 16 de xuño, a empresa Espina y Delfín comeza a xestionar o servizo municipal do Ciclo integral da auga. Este xoves, 15 de xuño, desestimáronse as medidas cautelares presentadas ao proceso de licitación por Acciona. Dende o goberno municipal destacan a transparencia deste proceso e agradecen o traballo de todos os técnicos na elaboración dos informes realizados.
Unha das actuais concesionarias, a parte de Acciona, presentou nesta semana unha solicitude de medidas cautelares contra o proceso de licitación do servizo municipal do Ciclo integral da auga do Concello de Ames, polo que pedía no xulgado a suspensión cautelar do novo contrato. Deste xeito a empresa seguiría prestando o servizo con posterioridade ao 15 de xuño, data notificada para o relevo no servizo. Unha vez celebrada a vista este pasado mércores, 14 de xuño, desestimáronse as medidas cautelares presentadas por dita entidade e, deste xeito, mañá 16 de xuño a empresa Espina y Delfín comezará a prestar o devandito servizo.
En agosto de 2015 celebrouse a primeira xuntanza da nova comisión do ciclo integral da auga co obxectivo de buscar unha fórmula de xestión do servizo municipal de saneamento e abastecemento de auga. Dende ese momento realizáronse varias xuntanzas para seguir avanzando neste eido coa elaboración dos pregos do novo contrato. Ao mesmo tempo, a comezos de novembro de 2015 a Xunta de Goberno Local aprobou a declaración do estado de emerxencia do Ciclo Integral da Auga para que a UTE Acciona Agua Espina Servicios prestase este servizo ata que finalizará o proceso de licitación do novo contrato.
Posteriormente, no pleno de abril de 2016 a corporación municipal aprobou por unanimidade os pregos técnicos que rexeron a licitación da xestión do servizo publico do Ciclo integral da auga. En novembro de 2016 a Mesa de Contratación, por unanimidade dos membros, propuxo a adxudicación da xestión deste servizo municipal á empresa Espina y Delfín SL, ao ser a que mellor puntuación obtivo en dito proceso. Esta proposta foi aprobada no pleno ordinario do pasado mes de decembro de 2016, mediante a modalidade de concesión administrativa por un prazo de 2+1+1.
De seguido, no pleno extraordinario celebrado o pasado 14 de febreiro aprobouse a suspensión do inicio da prestación do servizo do Ciclo integral da auga, que resultou do contrato formalizado o pasado 27 de xaneiro de 2017 entre o Concello e a empresa adxudicataria de dito servizo, Espina y Delfín SL, debido aos recursos de reposición presentados contra o acordo tomado en pleno o pasado 29 de decembro de 2016, de adxudicación da licitación da xestión do servizo público do Ciclo integral da auga.
Desestimación das medidas cautelares
A partir de aquí abriuse un período para resolver as alegacións e mailos recursos presentados a dito proceso, que se rematou no pleno celebrado o día 29 de maio coa aprobación da resolución dos recursos e alegacións presentadas durante o devandito proceso. Asemade, este xoves, 15 de xuño, desestimáronse as medidas cautelares presentadas ao proceso de licitación. Deste xeito, a empresa adxudicataria é Espina y Delfín que comeza a xestionar o devandito servizo este venres 16 de xuño.
O xuíz indica no seu relatorio que a non suspensión fai que o recurso perda a súa finalidade e que a medida interesada si afectaría ao interese xeral xa que obrigaría a manter a prestación a unha entidade non adxudicataria. O xulgado sentenza que debe prevalecer o interese público en atender e asegurar a execución do contrato adxudicado sobre o interese económico da empresa, e de aí, que non se tomen en consideración as medidas cautelares.
Para o goberno municipal o fallo é moi satisfactorio xa que non só permitirá continuar co proceso de adxudicación, senón que amosa que se actuou en defensa dos intereses públicos. O inicio do novo contrato permitirá obter un mellor servizo para a cidadanía amesá con numerosas melloras nas condicións contractuais. Ademais, abrirá a posibilidade de dispor dunha maior información da obtida nestes últimos tempos co actual concesionaria que tivo que chegar a ser apercibida.
O inicio da nova concesión agárdase que sexa normal e pase por alto para a veciñanza, o cal amosaría a normalidade do mesmo. Nos vindeiros días realizaranse reunións cos responsables de Espina y Delfín para regularizar as situacións detectadas sobre o servizo nos últimos meses.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "Espina y Delfín asume la gestión del agua en Ames al desestimarse la suspensión que pedía Acciona"
El Correo Gallego: "Reclaman que se investigue la gestión del agua en Ames"