Pestanas principais

Emprendemento e arte urbana no IES de Ames da man da OMIX

Venres, 10 de maio de 2019

A Concellaría de Mocidade, a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), pon en marcha unha nova edición do programa de accións formativas, de carácter non formal, que busca facilitar á mocidade amesá os recursos e ferramentas necesarias para favorecer o seu emprendemento e creatividade, así como impulsar as súas perspectivas de futuro, tanto a nivel formativo como profesional. Ao abeiro deste programa, a través do que se busca levar a cabo diferentes iniciativas de interese para os mozos e mozas amesás, veñen de realizarse no IES de Ames un obradoiro de iniciación ao arte urbano e, por outra banda, o faladoiro “Do teu ocio ao teu negocio”, que versou sobre como converter os gustos e inclinacións de cada un na súa forma de vida.

Este mércores, 8 de maio, a OMIX organizou no IES de Ames dúas iniciativas de arte urbana e emprendemento destinadas á mocidade amesá. A primeira delas consistiu nun obradoiro de iniciación ao arte urbano destinado a mozas e mozos de 4º de ESO e 1º de Bacharelato. Este obradoiro, impartido pola Asociación Cultural e Deportiva Vella Escola, ofreceu ao alumnado participante diferentes técnicas artísticas de manexo do spray, o que lles permitiu coñecer de primeira man unha iniciativa artística que cada vez gaña máis adeptos e que, nos último anos, está acadando recoñecemento a nivel mundial como disciplina artística mediante o coñecido como muralismo, presente xa en todas as grandes cidades. Nesta actividade, de dúas horas de duración, participaron un total de 35 alumnas e alumnos, que estiveron guiados por un artista profesional.

Por outra banda, tamén relacionado coas artes plásticas, o centro educativo acolleu a realización do faladoiro “Do teu ocio ao teu negocio”, impartido por Pablo Castiñeira, director de proxectos da asociación Vella Escola. A charla, que aglutinou cultura urbana, deporte e emprendemento, estivo centrado nos novos sectores empresariais que están a xurdir no ámbito do ocio, da cultura e dos deportes urbanos. Asemade, Castiñeira tamén explicou como se traballa na asociación á que pertence e o xeito no que o equipo, ao longo dos seus dez anos de traxectoria, foi deseñando os diferentes servizos en función das necesidades da sociedade sen renunciar a converter as súas aficcións no seu traballo.

Durante o transcurso do faladoiro, as 22 mozas e mozos de 2º de Bacharelato que participaron na actividade falaron tamén sobre o que lles gustaría facer no futuro próximo. Así, debateuse sobre algunhas das opcións coas que contan de cara ao vindeiro ano, como son novas especialidades formativas de ciclos e graos universitarios, ou emprendemento autónomo e as posibilidades da rede para levalo a cabo.

Así, o obxectivo desta actividade estivo encamiñado a orientar ao alumnado de cara á vida despois do bacharelato, propiciando neles a idea de que, con independencia das súas eleccións laborais ou académicas, estas sexan froito dunha decisión propia e razoada en concordancia cos seus intereses e inclinacións, o que lles facilitará o camiño cara un traballo que lles guste desempeñar.

Emprendemento e arte urbana no IES de Ames da man da OMIX

Multimedia

  • Emprendemento e arte urbana no IES de Ames da man da OMIX
  • Emprendemento e arte urbana no IES de Ames da man da OMIX