[23-06-2016] Este mércores, 22 de xuño, tivo lugar o último concerto da Escola de Música Municipal de Ames (EMMA). Un acto que acolleu a Casa da Cultura do Milladoiro e que serviu de despedida do alumnado. O público encheu o auditorio para escoitar as actuacións das agrupacións de canto, de violíns, a orquestra de guitarras, o combo xuvenil e de adultos, o alumnado de canto moderno ou ao alumnado de percusión, entre outros.
Abriu e presentou o acto o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, quen agradeceu a asistencia do público. Santomil destacou “o compromiso que ten o goberno municipal co profesorado e alumnado da Escola Municipal de Música de seguir ofrecendo este servizo nas mellores condicións posibles”. Lembrou que este verán "comezan as obras de reforma e acondicionamento integral do local de Aldea Nova que levaban varios anos pendentes" e que, ademais, engadiu "o goberno municipal ten o obxectivo, durante este mandato, de incrementar nun 50% as prazas ofertadas pola EMMA".
A tarde de música contaba co paso polo escenario de arredor de 100 alumnas e alumnos. Os máis pequenos e pequenas da EMMA foron os encargados de arrincar, mentres que o grupo de combo de adultos cumpriu coa súa labor de finalizar as actuacións con cancións que puxesen ao auditorio a bailar. Temas instalados na memoria como o “Carolina” de M-Clan ou “Ritmo de Garaje”, de Loquillo, foron coreadas polo público. Na parede do auditorio un vídeo proxectaba os nomes dos alumnos e alumnas e as pezas que interpretaban. O público tiña tamén un programa de man, de forma que puideron seguir todas as funcións. Dúas horas de música instrumental e cantada que incluíron a banda sonora de Star Wars, pezas de música tradicional, o últimos éxitos de música pop e rock.
Este foi o último concerto da EMMA, que pecha as súas portas até o comezo do vindeiro curso. Lémbrase ás persoas que realizaron a pre-inscrición das prazas vacantes da escola deben asistir o próximo luns 27 ao sorteo público das mesmas, que terá lugar no Salón de Plenos da Casa do Concello.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Éxito do concerto final da Escola de Música Municipal"




