Pestanas principais

“Emilia Pardo Bazán, a condesa rebelde” dá inicio ao ciclo “Cine con nome de muller”

Mércores, 12 de abril de 2023

A programación do ciclo “Cine con nome de muller” comeza este xoves, 13 de abril, coa proxección de Emilia Pardo Bazán, A Condesa Rebelde. Este filme relata a vida da escritora, intelectual e xornalista galega, que abandeirou unha vida en igualdade de condicións cos seus coetáneos. A proxección terá lugar ás 20.30 horas no Auditorio da Casa sa Cultura do Milladoiro. Os convites, de balde, poden descargarse premendo nesta ligazón.

“Cine con nome de muller" é unha iniciativa organizada polo Concello de Ames que conta coa colaboración de Zenit TV e Minervas Voice, e que pretende poñer en valor a vida dalgunhas mulleres galegas que foron pioneiras en distintos ámbitos nos dous últimos séculos. A programación dá comezo este xoves 13 de abril coa proxección de "Emilia Pardo Bazán, a condesa rebelde".

"Emilia Pardo Bazán, a condesa rebelde" narra a vida da escritora, intelectual e xornalista galega. A actividade literaria de Emilia Pardo Bazán provoca o escándalo do seu marido e dos círculos conservadores. Apoiada pola súa familia, Emilia Pardo Bazán decide poñerlle fin ao seu matrimonio para converterse en escritora profesional. Dona Emilia establécese en Madrid, onde mantén unha actividade incansable para obter o lugar nas institucións da cultura que merece polo seu talento e capacidade, encarando toda clase de menosprezos e exclusións debido a súa condición de muller. A condesa converterase nunha das figuras clave da emancipación feminina na España de finais do século XIX, deixando unha obra tan extensa como rica e variada.

A cinta é unha produción de Zenit TV, dirixida por Zaza Ceballos. Entre o elenco de actores e actrices destacan Susana Dans, no papel de Emilia Pardo Bazán e Manolo Solo, como Benito Pérez Galdós. César Cambeiro, Antonio Durán Morris, Mabel Rivera, Casilda Alfaro, Albert Forner e Balbino Lacosta completan o reparto.

Esta biografía cinematográfica incide na loita de valores fundamentais como a igualdade de sexos ou o enfrontamento ante os círculos conservadores. A escritora foi unha feminista que loitou pola igualdade e logrou ser a primeira muller de España con cátedra universitaria e a primeira xornalista profesional.

Os convites, de balde, poden descargarse a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames.

“Cine con nome de muller”
A través do ciclo “Cine con nome de muller” vanse proxectar nos auditorios das Casas da Cultura do Milladoiro e de Bertamiráns cinco filmes: Emilia Pardo Bazán, A Condesa Rebelde; Juana de Vega, vizcondesa do arado; Sofía Casanova, a obreira do pensamento; Contou Rosalía; e Concepción Arenal, a visitadora de cárceres. Estes cinco filmes pertencen á colección de Mulleres Galegas na Historia de Zenit TV e o Concello de Ames quere achegarllos á veciñanza para poñer en valor a vida destas cinco mulleres galegas.

O seguinte filme que se vai proxectar é “Contou Rosalía”, que se poderá ver o 19 de abril no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. “Contou Rosalía” é unha película de ficción para televisión, que foi gravada integramente en versión galega. Esta é a primeira ficción sobre a vida de Rosalía e pretende ofrecer ao público unha nova ollada sobre quen segue a ser un mito, o primeiro símbolo da Galicia na literatura e na cultura.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "O Milladoiron acogerá la proyección gratuita sobre Emilia Pardo Bazán 'A condesa rebelde'"

AMS GO!: "'Emilia Pardo Bazán, A Condesa Rebelde' inaugura o ciclo 'Cine con nome de muller'"

Cartaz da primeira proxección do ciclo de cine

Multimedia

  • “Emilia Pardo Bazán, a condesa rebelde” dá inicio ao ciclo “Cine con nome de muller”
  • Cartaz do ciclo "Cine con nome de muller"