Pestanas principais

Elixido o xurado que determinará os textos galardoados na novena edición do Certame Literario do Concello de Ames

Mércores, 09 de maio de 2012

[09-05-2012] O Concello de Ames fai pública a composición do xurado que elixirá os premiados na novena edición do Certame Literario que organiza o municipio. Como se indicaba nas bases, o xurado estará composto por tres persoas de recoñecido prestixio dentro do mundo da cultura e por un secretario. Os membros do tribunal son a escritora e narradora oral Charo Pita, o investigador da Universidade de Santiago de Compostela, Xosé Antonio López Silva, e a ex directora do CEIP de Barouta, Teresa Noya. A secretaria de xurado será a técnica do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, Rosa Moreiras.

Charo Pita é autora dunha decena de obras de teatro e destaca polo labor como narradora oral. Ademais, imparte obradoiros para a formación de contacontos a profesores. Como escritora, recibiu varios premios literarios e publicou o álbum infantil 'Igor' (Kalandraka), o poemario 'Desde Arcadia para Govinda' (Espiral Maior) e o relato 'Las diosas negras' (Editorial Torremozas). O investigador da Universidade de Santiago de Compostela,  Xosé Antonio López Silva, publicou varios libros en galego e, recentemente, foi coordinador da obra 'De santos y milagros' (Fundación Banco Santander. Colección Obra Fundamental), na que se recompilan ata 183 artigos de Álvaro Cunqueiro, publicados en diferentes xornais. Pola súa banda, Teresa Noya foi directora do Centro de Educación Infantil e Primaria de Barouta. 

A Concellaría de Cultura convocou este concurso de narrativa e poesía, consolidado xa en toda Galicia como un referente para os novos autores, co obxectivo de fomentar a creatividade literaria en galego. Os gañadores coñeceranse o próximo luns, 14 de maio, e os premios entregaranse o 17 de maio de 2012, Día da Letras Galegas, nun acto público que se celebrará na Casa da Cultura do Milladoiro.

O certame literario, ao que se puideron presentar traballos ata o pasado 12 de abril, estivo dirixido a todas as persoas que queiran expresarse en galego, tanto sexan profesionais da escritura como afeccionados. Nas oito edicións anteriores presentáronse un total de 1.055 traballos, cunha media de 132 presentados en cada edición. En todas as edicións se presentaron máis de 100 traballos. No ano 2005 alcanzouse o maior número de traballos con 172 e en 2011 foi o segundo ano que máis obras literarias se presentaron con 145. Nos últimos tres anos non se baixou de 138 traballos presentados, o que indica ben ás claras que este certame xa está consagrado dentro do panorama literario galego.

Desde a Concellaría de Cultura destácase a importancia do Certame Literario como plataforma de lanzamento dos creadores que, a través desta iniciativa, teñen a posibilidade de ver o seu traballo publicado, así como o feito de que os gañadores poidan ler os seus textos no acto público 'Literatura na Praza' que se celebra arredor do Día do Libro.

Tres categorías

Existen tres categorías en cada modalidade do certame (poesía e narrativa). Os nenos e nenas que teñan ata 13 anos puideron participar na primeira categoría, mentres que a segunda estivo dirixida a rapaces de 14 a 18 anos e a terceira ás persoas de máis de 18 anos. Haberá tres premios en metálico por cada unha destas franxas de idade en ambas as modalidades, que serán de 120 euros, 90 euros e 60 euros na primeira categoría, 150 euros, 120 euros e 90 euros na segunda e 210 euros, 150 euros e 120 euros na terceira.

O certame difundiuse por toda Galicia, dado que as bases envíanse aos 315 concellos da comunidade, á rede de bibliotecas de Galicia e a todos os centros de ensino da comarca. Ademais, fíxose unha importante difusión a través da rede, xa que colgaron as bases do concurso en todas as páxinas literarias galegas e de fóra de Galicia. Neste senso xogan un papel fundamental as redes sociais xa que se publicitou o concurso a través de Facebook ou Tuenti. Cómpre destacar que todos os anos se reciben traballos doutras cidades e localidades do resto de España e incluso de fóra das nosas fronteiras. Como anécdota, pódese comentar que na edición so ano 2010 chegou un traballo procedente de Vietnam.

O Concello de Ames, en colaboración con Feiraco, empresa patrocinadora do certame, publicará os traballos premiados nunha antoloxía creada para tal efecto, sen apercibimento de dereitos de autoría e compensando aos autores con cinco exemplares do volume que se edite. As persoas gañadoras do certame deberán entregar posteriormente os textos en formato dixital, e, se os autores ou autoras publican pola súa conta un dos textos gañadores, deberán facer referencia ao premio obtido neste certame. Os oito libros de recompilacións publicados ata o de agora, recollen 144 traballos que foron premiados neste concurso (cada antoloxía publicada contén os 18 traballos premiados de cada edición).