[07-11-2017] O Pazo da Peregrina acolleu o pasado venres, 3 de novembro, unha nova Foliada con Apego. Ao longo da tarde houbo bailes en rolda, xogos de ritmo, palmas, gaitas, pandeiretas e moitas cantigas populares. A actividade, que estivo dirixida a familias con crianzas sen límite de idade e, en xeral, a calquera persoa á que lle gustase a música tradicional, contou cunha elevada participación. A programación do Apego continúa o vindeiro sábado, 11 de novembro, co obradoiro Poesía para tirar o medo, no cal a escritora María Canosa achegará fórmulas para superar os medos das cativas e cativos.
80 persoas participaron na última Foliada con Apego, que se celebrou o pasado venres, 3 de novembro, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Chus Caramés e Patricia Gamallo, do colectivo Xandovela, foron as encargadas de dinamizar esta foliada, na que se cantaron diferentes cancións tradicionais coma O verdegaio, A saia da Carolina, Carrasquiña, Chove, Volta polo medio... Alén das cancións, tamén houbo xogos bailados dos que gozaron tanto as crianzas, como as nais e pais e as avoas e avós asistentes. Ademais, moitas persoas animáronse a traer instrumentos tradicionais das súas casas para acompañar a foliada.
As Foliadas con Apego xurdiron a partir dunha proposta das familias que fan parte do proxecto do Apego no Concello de Ames. Un proxecto colectivo que procura acompañar e apoiar ás familias na transmisión do galego ás crianzas durante os seus primeiros anos de vida, reforzando a identidade en relación á familia e as súas raíces, a través de xogos, contacontos, festas, xornadas de convivencia e outras actividades. Coas foliadas, o obxectivo é achegar, de maneira lúdica, a música tradicional galega ás nenas e nenos, ao tempo que se promove un espazo de encontro e socialización en galego. En Ames, xa hai máis de 80 familias adheridas ao Apego, que botou a andar en setembro de 2016.
Poesía para tirar o medo: un obradoiro poético para superar os temores das crianzas
O vindeiro sábado, 11 de novembro, o obradoiro Poesía para tirar o medo desenvolverase na Casa da Cultura do Milladoiro. Haberá dúas sesións: unha primeira ás 11:00h e outra segunda ás 12:00 horas. A escritora María Canosa será a responsable deste obradoiro, no que se achegarán fórmulas coas que axudar ás nenas e nenos a superar os seus medos. A actividade, que é gratuíta, está dirixida a familias con crianzas ata os seis anos. Para participar, é preciso inscribirse previamente enviando, ao enderezo de correo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, o nome e o apelido das persoas participantes, un teléfono de contacto e a sesión á que se quere asistir. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o próximo 10 de novembro.