O grupo de teatro Elefante Elegante sube este venres ao escenario da Casa da Cultura de Bertamiráns para escenificar a súa obra Patapatúm, unha reflexión sobre o papel que xogan os bens materiais nas relacións entre proxenitores e fillos/as. A obra, que vai destinada a un público familiar a partir de tres anos, comeza ás 18.00h. As entradas para acudir como público están dispoñibles na Billeteira electrónica, a través da páxina web do Concello de Ames.
Patapatúm é máis que un espectáculo de teatro visual sen palabras pero cunha arriscada banda sonora inspirada na música dixieland, unha vertente do jazz máis tradicional do sur de Estados Unidos. Patapatúm ten un fondo no que se propón unha reflexión sobre aquelas nais e pais que, na medida dos seus posibles, ofrécenlle moreas de xoguetes aos seus cativos/as e estímulos permanentes para evitar o aburrimento e conseguir a súa felicidade.
Así, o equipo de Elefante Elegante tentará mostrar ao longo dos 45 minutos que dura a obra que o aburrimento non sempre é negativo, posto que tamén pode impulsar a creatividade das crianzas. Asemade, buscarase que os pais cavilen sobre o feito de que os bens materiais non teñen a capacidade para resarcir o límite de tempo, ou mesmo a falta del, que os proxenitores poden adicarlle aos seus fillos. Todo elo da man dun elenco formado por Agustín Bolaños, Gonçalo Guerreiro e María Torres.
As entradas para asistir a este espectáculo xa están dispoñibles a través da Billeteira electrónica, mentres que só un 10% se reservarán, como é habitual, para vender de xeito presencial unha hora antes do comezo do espectáculo. O custo das entradas é de 4 euros, con descontos do 50% para persoas maiores de 65 anos, menores de 12 e estudantes con carné.