Pestanas principais

A EEI do Milladoiro e o CEIP A Maía celebran o Día de Rosalía compartindo versos da autora

Martes, 19 de febreiro de 2019

[19-02-2019] O alumnado da EEI do Milladoiro e infantil do CEIP A Maía conmemoran o 182 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro con diversas iniciativas nas que compartirán coa comunidade a obra da autora. Así, ao longo destas semanas mediante os proxectos “Rosalía tamén vive aquí” e “Rosalía na terriña”, están a colocar carteis e laxas de pizarra con distintos versos da poetisa, co obxectivo de deleitar a todos e todas as viandantes que se atopen con estes anaquiños de literatura.


O vindeiro 24 de febreiro cúmprense 182 anos do nacemento de Rosalía de Castro, unha das figuras principais do rexurdimento da literatura galega e unha das escritoras máis importantes da literatura española. Para celebrar esta efeméride, o profesorado e os alumnos/as de infantil do CEIP A Maía e da EEI do Milladoiro están a realizar diversas iniciativas co obxectivo de dar a coñecer a esta escritora tan unida a Ames e salientar a pegada que deixou no municipio, que serviu de fonte de inspiración en moitas das súas obras.

Así, a través do proxecto “Rosalía tamén vive aquí”, as cativas e cativos de todos os centros de primaria e infantil do Concello exporán carteis cun poema nos portais das súas vivendas para que os/as veciños/as poidan deleitarse coa súa lectura sempre que pasen por alí.

Asemade, mediante “Rosalía na terriña” , o CEIP da Maía e a EEI do Milladoiro concerterán O Milladoiro e Bertamiráns en vilas poéticas. Para isto deixarán laxas con versos da obra rosaliana en distintas zonas verde de Bertamiráns e do Milladoiro, coa finalidade de que os viandantes se atopen con elas e gocen dun pequeno petisco da obra desta autora.

Ademais, estes dous centros de ensino realizarán un vídeo no que se poderá ver todo o traballo que hai detrás destas accións poéticas e que se proxectará durante a Gala de Rosalía de Castro. O evento terá lugar na Casa da Cultura de Bertamiráns a partir das 18.00h e contará coa actuación de Rosa Cedrón. A entrada é libre e gratuíta.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Lembran a obra de Rosalía canda o seu 182 aniversario"
Compostela 24 horas: "A EEI do Milladoiro e o CEIP A Maía celebran o Día de Rosalía compartindo versos da autora"