[02-07-2013] Este luns, 1 de xullo, dou comezou o campamento urbano de verán que está desenvolvendo o Concello de Ames, a través da concellería de Medio Ambiente, nas instalacións da Aula da Natureza. Neste campamento están inscritos un total de 36 nenos e nenas de entre 6 e 14 anos. Durante as xornadas do campamento urbano, os nenos e nenas participarán en obradoiros de repostería e cociña, actividades de horta, xogos populares e varias excursións. Estas actividades desenvolveranse entre o día 1 e o 5 de xullo e do 8 ao 12 de xullo, en horario de 16:00 a 20:00 horas. Para facilitar a asistencia dos rapaces, o Concello habilitou un servizo de autobús que traslada os participantes ata a Aula da Natureza e que os leva de volta ao remataren as actividades.
Debido ao éxito acado o ano pasado, a concellaría de Medio Ambiente decidiu volver a organizar o campamento urbano de verán que se desenvolverá durante a primeira quincena do mes de xullo nas instalacións da Aula da Natureza. Esta actividade, que está dirixida a nenos e nenas de entre 6 e 14 anos de idade, terá lugar do día 1 ao 5 de xullo e do 8 ao 12 de xullo, en horario de 16:00 a 20:00 horas.
A través desta actividade trátase de que os rapaces e rapazas pasen unhas tardes entretidas durante a época estival. Os 36 nenos e nenas que están inscritos neste campamento participarán en obradoiros, xogos e excursións. En algunhas actividades divídense os rapaces en varios grupos tendo en conta a súa idade, pero nas excursións e nos grandes xogos participan todos os nenos/as para que todos os participantes manteñan o contacto e a relación durante estes 10 días que dura o campamento urbano.
Os rapaces e rapazas participarán en obradoiros de repostería e cociña; elaboración de libretas con material de refugallo; elaboración de papel de auga; actividades de horta; tinguido de prendas; deseño de roupa a partir de prendas de refugallo, etc. Ademais, aprenderán a montar tendas de campaña para ir de campamento. Un total de 6 monitores/as serán os encargados de estar cos rapaces e rapazas, así como de organizar todas as actividades que se realicen.
Por outra banda, haberá grandes xogos e xincanas. Un dos xogos que se levará a cabo é “A caza do monitor”. Na primeira xornada do campamento os rapaces e rapazas elixiron o nome e o logo dos equipos que participarán neste xogo. Algúns dos nomes elixidos foron “Sporteam”, “Os sen nome”, “Furias”; e “Cobra”. Nas instalacións da Aula da Natureza instalouse un marcador onde se irán poñendo os resultados dos diferentes xogos que se se realicen. Ao final do campamento farase o reconto. Tamén se desenvolverán diferentes xogos populares (parte do material empregado nestes xogos será elaborado polos propios nenos/as como os bolos, petancas...) e xogos musicais como o concurso “Furor”.
Excursións
Outras actividades que se desenvolverán ao longo destas dúas semanas serán as excursión polo contorno natural. Durante esta semana está previsto que se organice unha andaina pola senda verde que une as localidades do Milladoiro e de Bertamiráns. Os nenos/as farán unha parada en Bugallido para descansar, repoñer forzas e participar nalgún xogo. A próxima semana haberá outra excursión, neste caso farase a ruta do Sarela que rematará cunha visita ao observatorio astronómico Ramón María Aller. Ademais, entre o 8 e o 12 de xullo realizaranse actividades relacionadas coa astronomía.
O venres, 12 de xullo, clausurarase o campamento urbano cunha gran festa de despedida. A esta festa están invitados os familiares (pais, nais e irmáns) de todos os participantes. Para facilitar a asistencia dos rapaces, o Concello habilitou un servizo de autobús que traslada os participantes ata a Aula da Natureza e que os leva de volta ao remataren as actividades. Hai tres paradas establecidas: na EEI Milladoiro, na Casa da Cultura do Milladoiro e na praza do Concello.
Para ampliar calquera outra información, as persoas interesadas poden empregar os correos electrónicos auladanatureza@concellodeames.org ou medioambiente@concellodeames.org ou os teléfonos 660 004 665 e 662 377 544.





