[10-08-2011] Numerosos cursos desenvolvidos con grande éxito deixan un ben merecido mes de descanso á Aula de Informática do Milladoiro. Ata o de agora, nos meses de verán, a aula permaneceu aberta, en horario de 10:00 h. a 13:00 horas, como Aula Aberta. Para poder empregar o servizo de Aula Aberta só hai que cubrir unha ficha cos datos persoais e entregar unha fotografía coa que facer o seu carné de usuario. O novo programa de actividades para o último trimestre do ano sairá a mediados de setembro. Durante o primeiro semestre de 2011 realizáronse oito cursos e obradoiros aos que asistiron 116 persoas. Ademais, dende xaneiro ata xuño déronse de alta 55 novos socios e a Aula de informática rexistrou a visita de 1.555 usuarios/as.

Despois dos meses de verán, chega a quenda de vacacións para a Aula de Informática do Milladoiro que pechará por vacacións do persoal dende o 15 de agosto ata o 14 de setembro. Ata o de agora, a aula funcionaba como Aula Aberta nun horario de 10:00 h. a 13:00 horas. Esta iniciativa consiste en deixar a aula de informática libre para todo aquel que queira usar os computadores, tanto para buscar información como para deixarse levar polo lecer da rede.
Á Aula Aberta acoden adultos e maiores que acceden á Internet para ler a prensa, mirar o correo electrónico, entrar nas redes sociais ou buscar información puntual como pode ser para a preparación dunha viaxe. Para poder empregar o servizo de Aula Aberta só hai que cubrir unha ficha cos datos persoais e entregar unha fotografía coa que facer o seu carné de usuario. A persoa encargada da aula dálles un número de usuario/a e explícalles as normas. Ante calquera dúbida poden preguntar o que desexen á persoa responsable. Tamén poden acudir usuarios cos seus ordenadores portátiles persoais a resolver as dúbidas que teñan no manexo da informática.
A Aula de informática acolleu unha serie de obradoiros que se programan de forma trimestral, agás nos meses de verán que funciona exclusivamente como Aula aberta en horario de mañá de 10:00 a 13:00. Estes obradoiros e xornadas destínanse a sectores poboacionais establecidos por idade.
Normalmente, os cursos dispoñen de 40 horas en sesións de dúas horas de luns a venres, mentres que os obradoiros e xornadas dispoñen dunha duración de 10 horas (dúas horas ao día de luns a venres) ou de sete horas e media (unha hora e media ao día durante unha semana). As actividades de adultos fanse en horario de mañá (pensando sobre todo nas amas de casa que poden aproveitar o tempo que os seus fillos/as están na escola para formarse) e de tarde, mentres que as actividades de nenos/as organízanse pola tarde, despois da xornada escolar. Estas actividades son impartidas pola responsable da Aula polo que non teñen ningún custo.
Cursos desenvolvidos durante o primeiro semestre de 2011
Os obradoiros/xornadas que se realizaron este ano foron unhas xornadas de iniciación á internet en xaneiro e abril para persoas adultas, o obradoiro 'Descobre o entroido na rede' en marzo, que estivo dirixido a rapaces entre os 7 e os 10 anos, e un obradoiro de realización de presentacións co programa OpenOffice Impress, para nenos/as de entre 8 e 12 anos, organizado durante o mes de xuño. Nestas xornadas os nenos/as aprenderon a usar o programa OpenOffice Impress para realizar presentacións. A estes obradoiros/xornadas asistiron un total de 56 persoas.
Ademais, dende xaneiro ata xuño tamén se fixo un obradoiro de alfabetización dixital para a Escola de Maiores. Este obradoiro realizouse todos os venres, en horario de 17:00 h. a 18:00 horas. Esta actividade consistiu na realización dun obradoiro básico para que os maiores se achegaran ao mundo da informática no que poder descubrir a cantidade de información que podemos obter para actividades da vida diaria como ler xornais, pedir cita para o médico de cabeceira ou buscar receitas de cociña. Tamén realizaron algunhas actividades co procesador de textos Word.
Por outra banda, desde xaneiro ata abril, tamén se realizaron unhas xornadas de iniciación á Internet dirixidas aos membros do Club de Xubilados e Pensionistas do Milladoiro (JUPEMI) . Nestes dous obradoiros participaron 19 persoas.
En canto aos cursos que se fan na Aula de Informática son cursos básicos de procesadores de texto, follas de cálculo... Teñen unha duración de 40 horas. Ofértanse dúas quendas de 10:00 h. a 12:00 horas e de 19:00 h. a 21:00 horas e ao remate entrégase un diploma de asistencia a todas aquelas persoas que asisten regularmente a clase. No que vai de ano realizáronse o curso de iniciación aos programas Windows e Word durante o mes de febreiro ao que asistiron 21 persoas, e un curso de iniciación ás follas de calculo Microsoft Excel, que se organizou no mes de maio e ao que asistiron 20 persoas.
Ao conxunto dos obradoiros e cursos asistiron 116 persoas, sendo os de maior éxito as xornadas de iniciación á internet de xaneiro e abril, o curso de iniciación aos programas Windows e Word e o curso de iniciación ás follas de calculo Microsoft Excel, que reuniron a 81 persoas.
Datos xerais
A Aula de Informática do Milladoiro suma xa 1.302 socios, dos cales 55 foron novas altas que se produciron ao longo do primeiro semestre deste pasado. Ademais, de xaneiro a xullo un total de 1.555 persoas empregaron a aula para as súas necesidades informáticas. Se temos en conta o número de usuarios/as contabilizados durante o 2011 xa se superan os 31.000 usuarios/as que empregaron a Aula de Informática do Milladoiro dende que comezou a funcionar no ano 2003. Ademais, dende que comezou a funcionar esta aula de informática un total de 1.143 persoas asistiron aos cursos e xornadas organizadas.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "El aula de informática de Milladoiro suma 1.555 usuarios"




