Pestanas principais

Durante os meses de xullo e agosto ofrecerase o servizo de bibliopiscinas no Milladoiro, Bertamiráns e na praia fluvial de Tapia

Luns, 07 de xullo de 2014

[07-07-2014] O Concello de Ames puxo en marcha unha nova edición do programa de bibliopiscinas. Este servizo está sendo impartido por varios monitores/as da empresa amiense Vagalume, que se encargarán de facer máis entretidas as tardes de piscina da época estival. O servizo das bibliopiscinas é unha iniciativa da concellaría de Educación que, por décimo segundo ano consecutivo, pretende achegar os seus servizos tradicionais, levando os libros, os xogos, os contos, os xoguetes e varias actividades a estas áreas. Estas actividades desenvolveranse durante os meses de xullo e agosto nas piscinas descubertas do Milladoiro e Bertamiráns, e na área recreativa de Tapia. Ademais, nas bibliopiscinas haberá xornais, xogos de mesa e libros para os maiores. O concelleiro de Educación e Xuventude, Bernardo Moar, achegouse ata as bibliopiscinas para ver de primeira man como se está desenvolvendo este servizo.

Un ano máis, coa chegada do verán, comezou o servizo de bibliopiscinas en Ames. A través desta iniciativa trátase de facer máis divertidas as tardes de sol para pais, nais e fillos/as. Os nenos e nenas poderán divertirse coa lectura e con diferentes xoguetes. Os máis pequenos terán xogos e libros para todas as idades. Os pais e nais tamén poderán gozar coa lectura da prensa, lectura dentro do recinto, préstamo de libros a toallas e a domicilio. O servizo de bibliopiscinas desenvolverase durante os meses de xullo e agosto nas piscinas municipais de Bertamiráns e do Milladoiro, así como na praia fluvial de Tapia.

Todos/as coñecemos a importancia de medrar coa lectura e, por esta razón, o Concello impulsa iniciativas coma esta das bibliopiscinas, para que os nenos poidan asociar a lectura non só coas horas de estudo senón tamén co tempo de lecer. Os expertos coinciden en que é importante que os nenos e nenas non perdan o hábito de estudo nas vacacións, xa que logo lles resultará máis complicado a volta á rutina escolar. Pero non debemos esquecer que eles, ao igual que todos, necesitan descansar e desenvolver actividades lúdicas e motivadoras.

Sesións de contacontos e obradoiros
Para esquecerse da rutina do curso e dos estudos os rapaces e rapazas poderán gozar de contacontos e obradoiros. Todas as tardes impartirase un obradoiro ou desenvolverase “a hora do conto”, na que os monitores realizarán unha sesión de contacontos. Estas actividades desenvolveranse arredor das 18:00 horas, despois de que os nenos e nenas merenden.

Por outra banda, para poder acceder aos servizos de préstamo de libros a toalla e a domicilio só é preciso contar co carné das bibliopiscinas ou da piscina municipal descuberta. Todos os demais servizos son de acceso libre. As bibliopiscinas estarán abertas ao público nos meses de xullo e agosto.

Horario e persoal das bibliopiscinas
En Bertamiráns e no Milladoiro o horario será de luns a venres de 16:00 h a 20:00 horas. As fins de semana e os festivos estarán pechadas. En Tapia o horario será o mesmo, dende as 16:00 h ás 20:00 horas, pero de martes a domingo (os luns estarán pechadas por descanso do persoal). Ademais, estará aberto os días festivos.

Este servizo está sendo impartido por varios monitores/as da empresa amiense Vagalume, que se encargarán de facer máis entretidas as tardes de piscina da época estival. Cómpre salientar que este servizo será impartido por persoal amiense. Durante os meses de xullo e agosto o horario das bibliotecas municipais de Bertamiráns e do Milladoiro será de 9:00 h a 14:00 horas.

Ademais, este ano hai 6 mozos/as que colaboran como voluntarios/as no servizo de bibliopiscinas. O Concello está levando a cabo o programa “Ambientando o lecer” (actividades lúdicas e ambientais para a infancia e a mocidade), un programa de actividades de animación á lectura e promoción do medio ambiente no tempo de lecer, a través da creación dun equipo de 8 voluntarios/as xuvenís que colaboran en actividades municipais, especialmente durante os meses de verán (6 en bibliopiscinas, e 2 en campamentos e na Aula da Natureza).

Este programa foi posto en marcha grazas a unha subvención que se lle solicitou á Consellería de Xuventude e Voluntariado, da Xunta de Galicia, co obxectivo de desenvolver e promover actividades de voluntariado xuvenil que favorezan o desenvolvemento persoal e/ou profesional da mocidade.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Cuentos y juegos bajo el sol en Ames"
El Correo Gallego: "As bibliopiscinas de Ames animarán con contacontos as tardes de verán"
La Voz de Galicia: "El programa de bibliopiscinas amiense tiene talleres diarios de cuentos"