[11-08-2015] A seguridade viaria segue a ser unha prioridade para a Policía Local de Ames. Deste xeito, o corpo de seguridade amesá durante o mes de xullo e o que vai de agosto imputou once delitos contra a seguridade viaria, a maior parte deles por dar positivo nos controis de alcol e drogas, así como por conducir sen o correspondente permiso de circulación. Tamén interviron en sete casos de agresións, disputas e violencia doméstica. Ademais, ata o día 16 de agosto, a Policía Local de Ames está participando nunha campaña especial sobre o control da taxa de alcol e a presenza de drogas en condutores.
Dentro do traballo de vixilancia e control que realizan os axentes da Policía Local de Ames, durante o mes de xullo detectouse a un condutor que circulaba pola rúa do Pedregal, en Bertamiráns, cunha taxa de alcol que superaba o permitido. Ademais, interceptouse a un condutor no lugar da Ponte Nova, que carecía de autorización administrativa para conducir, e detectouse a outra persoa no Milladoiro, que deu positivo nun control de drogas, así como se procedeuse a incautación do haxix que levaba encima.
Por outra banda, durante o mes de xullo, imputóuselle un delito de falsidade documental a unha persoa que circulaba con placas de matrícula temporais. Ao comprobar a súa validez detectouse que estaban asignadas a outro vehículo. O pasado 23 de xullo os axentes da Policía Local de Ames tiveron que acudir ao lugar de Sura por mor dun lume que se detectou na zona de Piñor, en Santiago de Compostela, e que avanzou cara o concello de Ames. Por último, en xullo, os axentes do corpo de seguridade amesá tiveron que acudir a dúas chamadas alertando dunha presunta agresión na rúa Entrerrios, en Bertamiráns, e dun suposto caso de violencia de xénero no Milladoiro.
Actuacións en agosto
O fin de semana do 1 e 2 de agosto levouse a cabo un control prevención de tráfico tanto en Bertamiráns coma no Milladoiro. Neste dispositivo interceptouse a unha persoa que conducía o seu vehículo pola avenida de Rosalía de Castro, no Milladoiro, sen o correspondente permiso de circulación. Ademais, detectáronse a tres persoas que deron positivo no control de alcoholemia realizado na avenida da Maía, en Bertamiráns, e na avenida de Rosalía de Castro, no Milladoiro.
Os días 2, 3 e 4 de agosto a Policía Local tivo que atender catro chamadas de alerta por supostos casos de violencia de xénero producidos tanto no ámbito doméstico como nun establecemento público. Ademais, o 3 de agosto recuperáronse tres bolsos que foran subtraídos na zona da Ponte Nova.
A pasada fin de semana tamén se detectaron varios delitos contra a seguridade viaria. Deste xeito, detectouse a un condutor que circulaba na súa motocicleta pola parroquia de Covas sen o correspondente permiso de circulación. Tamén se detectou a dúas persoas en Bertamiráns e a outra no Milladoiro por circular baixo os efectos do alcol. Ademais, durante a noite do sábado 8 de agosto a Policía Local tivo que actuar nunha disputa que se produciu no campo da festa da Peregrina.
Durante a pasada fin de semana os axentes da Policía Local tamén tiveron que intervir nos incendios forestais que se produciron en Ames. Durante estes días están visitando as zonas que arderon co obxectivo de controlar que estes lumes non volvan a acenderse.
Campaña de control de alcol e drogas
Ata o vindeiro 16 de agosto a Policía Local de Ames está participando nunha campaña especial sobre o control da taxa de alcohol e a presenza de drogas en condutores, enmarcada nas campañas da Dirección Xeral de Tráfico. Dende o corpo de seguridade amesá advirten que nos últimos controis detectáronse varios casos de positivos nos controis de drogas polo que recomendan precaución.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "La Policía Local amiense imputó este verano once delitos de seguridad viaria"




