[01-03-2016] O Concello de Ames abre o prazo para que os usuarios/as dos servizos complementarios poidan preinscribirse ou renovar praza para o curso 2016-2017 na Rede de comedores escolares e nos programas Bos días cole e Tardes divertidas. As preinscricións e renovacións de praza poderán realizarse entre o 1 e o 31 de marzo. Os interesados poden realizar a tramitación administrativa das súas solicitudes a través do portal www.conciliames.org ou de xeito presencial no departamento de Educación, situado no Pazo da Peregrina en Bertamiráns, ou na oficina municipal do Milladoiro. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as instrucións para os procesos de renovación e preinscrición nos servizos complementarios.
O Concello de Ames abre o prazo de preinscrición e renovación de praza para os servizos complementarios, que engloban a Rede de comedores escolares, Bos días cole e Tardes divertidas, para todos aqueles pais e nais que desexen seguir beneficiándose destes programas no próximo curso escolar 2016-2017. A tramitación das preinscricións e da renovación pódese realizar a través dun servizo on line ao cal se pode acceder a través da páxina web www.conciliames.org. Tamén se pode entrar na páxina web municipal www.concellodeames.gal e premer no banner Conciliames, que está na cabeceira da web ou na marxe dereita do portal web municipal. O prazo para poder facer estas xestións estará aberto entre o 1 e o 31 de marzo. Posteriormente, abrirase un prazo para formalizar a matrícula de cara ao vindeiro curso.
O sistema de renovación e preinscrición on line para os servizos complementarios é o mesmo que se empregou os últimos anos. As persoas que xa empregaron este servizo anteriormente non teñen que volver a darse de alta. Os novos usuarios/as deben premer na ligazón de crear conta. Despois xa se poderá iniciar sesión para facer as xestións que se estimen oportunas. Unha vez feita a preinscrición haberá que imprimir o impreso de solicitude que se entregará no Rexistro Xeral do Concello, no Rexistro do departamento de Educación (no Pazo da Peregrina) ou na oficina municipal do Milladoiro, de luns a venres, en horario de 9:00 a 14:00 horas.
Os usuarios/as que renoven a súa praza deberán entregar o resgardo acompañado do xustificante de pago de taxas. As persoas que non poidan achegarse ata o Rexistro Municipal pola semana deben saber que o Rexistro Xeral do Concello abre os sábados polas mañás, en horario de 9:00 h a 14:00 horas.
Ademais, entrando na páxina web de Conciliames os usuarios/as dispoñen dun simulador de cotas. Introducindo os datos que se solicitan os veciños/as amesáns poderán saber que cota terán que pagar por ser usuarios/as de calquera dos servizos complementarios.
Petición de cita previa
As persoas que non dispoñan de acceso a Internet, e das ferramentas informáticas necesarias para poder facer esta xestión de forma on line, terán a súa disposición ao persoal do departamento municipal de Educación. Para iso terán que chamar ao número de teléfono 981 88 49 91 e sacar cita previa para ser atendidos en Bertamiráns ou no Milladoiro. A continuación, deberán achegarse ata o departamento de Educación, situado no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ou ás oficinas municipais do Milladoiro. Alí o persoal municipal realizará estes trámites por eles de forma telemática.
O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, explica que "por primeira vez, o departamento de Educación establece un sistema de cita previa, para evitar colas e organizar mellor o traballo dos técnicos na axuda aos usuarios para cubrir os formularios. Ademais, no Pazo da Peregrina habilitouse unha sala de espera para que os usuarios, no caso de ter que agardar a súa quenda, poidan estar sentados".
Santomil tamén recomenda que "na medida do posible, as familias utilicen a aplicación Conciliames para axilizar os trámites a través da Internet. No caso de necesitar axuda, os técnicos do departamento de Educación informarán aos usuarios de como cubrir os formularios".
Os usuarios/as que desexen obter praza por primeira vez terán que realizar a correspondente preinscrición, mentres que os que xa estean de alta nestes servizos actualmente poderán renovar a súa praza. No caso de non realizar a renovación no período de tempo estipulado perderase a praza. O mesmo acontece se teñen algunha débeda pendente co Concello de Ames.
Servizos complementarios
Estes servizos, teñen como principal obxectivo conciliar a vida familiar e laboral de todos os veciños e veciñas de Ames. O servizo da Rede de comedores escolares está dirixido ao alumnado de infantil e primaria e funciona actualmente no CEIP A Maía, no CEIP Agro do Muíño, no CEIP de Barouta, no CEP de Ventín e na Escola de Educación Infantil do Milladoiro.
Os programas Bos días cole e Tardes divertidas desenvólvese tamén en cinco centros educativos como son o CEIP A Maía, o CEIP Agro do Muíño, no CEIP de Barouta, no CEP de Ventín e na EEI Milladoiro. Ambos os dous programas están dirixidos ao alumnado de 2º ciclo de Educación Infantil e Primaria. Para máis información pódese poñer en contacto co departamento de Educación en Bertamiráns chamando ao teléfono 981 891 476.




